Unha clínica de Barcelona ratifica o tipo de operación de cambio de sexo da viguesa Charlotte Goiar
A empresa Barnaclinic, ligada ao Hospital Clínic de Barcelona, realizou a valoración médica da viguesa de 41 anos Charlotte Goiar, que foi derivado a este centro polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) como paso previo para proceder á súa reasignación de sexo.
O centro médico ratificou que, polas condicións físicas de Charlotte, a intervención cirúrxica máis adecuada para realizar a cirurxía de cambio de sexo é a vaginoplastia con colgallo de colon, é dicir, unha colovaginoplastia, que é a mesma operación que ela estivo demandada.
Charlotte volveu trasladar a súa desconformidade por ter que volver a ser valorada por un médico e denunciou que a execución da sentenza “está sendo bloqueada” polo Sergas.
Por iso, esixiu que a Xunta “cumpra as leis e as sentenzas firmes”, o que, asegurou, ata o momento “non está cumprindo”. Neste sentido, engadiu que, con este informe, “xa non queda ningunha escusa para continuar atrasando a execución da sentenza” en firme do TSXG.
O maxistrado comunicou na súa resolución que, unha vez que se levase a cabo a revisión, se resolvería se procede “unha ou outra técnica” cirúrxica e se a viguesa é remitida ou non á sanidade privada, tal e como ela solicita.
Charlotte sofre unha patoloxía de intersexualidade coñecida como a Síndrome de Harry Benjamin, pola que recibe tratamento hormonal dende os 16 anos; e ademais ten accesos depresivos, que se están a ver agravados por todo este proceso.











