Unanimidade do pleno de Brión na esixencia da reposición inmediata do servizo de matrona no centro de saúde brionés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A unanimidade marcou gran parte da sesión plenaria ordinaria de xuño no Concello de Brión, que comezou coa toma de posesión de Ramón Carro Otero como novo concelleiro do Partido Popular, en substitución de Mónica Pato. Unha unanimidade que refrendou a proposta do alcalde, Xosé Luís García, de esixirlle á Consellería de Sanidade e ao SERGAS que cubra urxentemente o posto de matrona no centro de saúde de Brión e que o servizo se preste nas mesmas condicións que se viña facendo ata a recente xubilación da titular do posto.

Xosé Luís García explicou que “é impresentable pretender obrigar ás veciñas de Brión a pasar consulta no Milladoiro ou en Santiago ou reducirlles este servizo. É impropio do século no que vivimos”. Ademais, o alcalde brionés sinalou que “se o Sergas non resolve o problema en Brión, tamén estaría creando outro problema no Milladoiro, onde as mulleres desta localidade tamén quedarían en situación precaria”. Por iso, anunciou que “poremos en coñecemento do Concello de Ames a nosa decisión de cara a poder acordar medidas comúns diante da Consellería de Sanidade”.

A proposta do alcalde de Brión contou co respaldo do PP brionés cuxa voceira, Mercedes Gloria Vázquez, explicou que “déixase ás mulleres de Brión en situación de desvantaxe fronte a outros concellos” e apoiou expresamente “que se faga conxuntamente con Ames para que a Consellería cambie de opinión, porque non hai outra”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xesús Pena, apuntou que “é urxente este servizo”, polo que tamén apoiou a moción do Grupo de Goberno.

Inspección de ruídos

Os oito puntos da parte dispositiva do pleno de xuño foron aprobados por unanimidade. Así, o pleno acordou a creación dunha ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de inspección relacionado coa medición e control de ruídos e vibracións en actividades sometidas a licenza de apertura ou a presentación de declaración responsable ou comunicación previa. Unha taxa semellante a doutros municipios da contorna e que podería oscilar entre os 360 e os 500 euros. Así mesmo, aprobouse a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de saneamento e depuración de augas residuais de acordo cun IPC do 0,34%.

Na quenda de informes, o Concello deu conta do cumprimento dos prazos de pago a provedores, do cumprimento do principio de estabilidade e da regra do gasto, así como do informe anual de cumprimento do plan de saneamento, que confirma que se cumpriu coa previsión de gastos e de ingresos.

RISGA e dereito a decidir

Na quenda de mocións, o PP aproveitou para nomear aos seus representantes nos órganos municipais despois da recente dimisión de dous concelleiros. Así, Mercedes Gloria Vázquez continúa como voceira do grupo municipal, mentres que Ramón Carro se incorpora como voceiro suplente. Nas comisións de Goberno, os catro concelleiros repártense os postos, de xeito que dous serán titulares nunha comisión e suplentes na outra. Na Comisión de Contas, os titulares serán Mercedes Gloria Vázquez e Beatriz Castro; mentres que na de Servizos serán os titulares Saturnino Abete e Ramón Carro. Mercedes Gloria Vázquez asumirá a representación na Mancomunidade Serra do Barbanza.

O pleno aprobou tamén por unanimidade unha moción do BNG no que se esixe á Xunta que cumpra cos prazos que marca a Lei para a concesión das axudas do RISGA, “está fixado en 2 meses e agora manéxanse prazos de 6 a 8 meses”, denunciou Xesús Pena. O PP apoiou a moción ao recoñecer que non se están a cumprir os prazos e manifestou que “sabemos facer autocrítica”. Pola súa banda, Xosé Luís García deu lectura a un informe dos Servizos Sociais municipais no que se denuncian retrasos na instrución dos expedientes e a imposición da obriga de presentar as declaracións da Renda de familiares, incluso con aqueles cos que non se ten trato ou cos que directamente hai unha mala relación. Ademais, denuncian que se están denegando expedientes a persoas con poucos recursos, exemplificando que a Xunta desestimou a petición dunha familia de 4 membros de Brión, cunha renda per cápita de 13 euros. Nestes casos, denúnciase que se están producindo retrasos porque non hai orzamento para asumir estes pagos, o que está a xerar débedas por atrasos de ata 4.000 euros (como acontece cunha familia cuxo expediente data de abril de 2013).

Por último, o pleno rexeitou unha moción do BNG sobre o dereito a decidir o modelo de Estado cos 11 votos en contra de PP e PSOE fronte ao voto a favor do BNG. No seu lugar, aprobouse unha moción do PSOE no que se solicita que se acometa unha reforma da Constitución e, dentro desta reforma, se aborde a forma de Estado, algo que despois tería que ser refrendado en Referendo. O BNG dixo compartir gran parte da moción, pero insistiu na importancia de facer a consulta xa, polo que optou pola abstención. Pola súa banda, o PP votou en contra ao argumentar que “seguramente fagan falta cambios na Constitución, pero nin é o momento nin somos nós as persoas adecuadas”.

18 de xuño de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.