Un total de 69 alumnos farán os roteiros Castelao e dos Bolechas
Mañá, venres 6 de xuño, un grupo de 24 alumnos/as de 1º curso da educación primaria do Colexio Doroteas farán o roteiro Bolechas. A saída está programada para as 10 horas da praza da Peregrina.
O roteiro dos Bolechas é unha iniciativa da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dinamizar o uso da lingua galega entre nenos e nenas de 1 a 7 anos. Con esta excursión pola zona antiga de Pontevedra os máis pequenos e pequenas farán un percorrido guiado polo centro histórico da cidade, con xogos e contidos adaptados ás súas características.
O mesmo día, ás 12.15 horas, farán o roteiro Castelao un grupo de 45 alumnos/as do Colexio San Xosé de Ourense. Neste caso a saída será desde a praza da Ferraría.
O percorrido deste roteiro inclúe unha visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra e ao edificio modernista da Fundación Caixa Galicia, onde se situaba o Café Moderno.
O Concello de Pontevedra segue a ofrecer esta visita guiada pola Pontevedra máis vencellada a Castelao, co obxecto de ligar o uso da lingua galega aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica inserida no contorno xeral da historia de Galicia e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.
Por mor da climatoloxía adversa, ou por outras circunstancias, esta visita podería sufrir modificacións. De ser así, procuraremos mantelos informados.











