Un total de 65 novos técnicos de FP reciben o seu título do centro de estudos Povisa
Hoxe, ás 18.00 h. e no Salón de Actos do Centro Social Novacaixagalicia, terá lugar a entrega de títulos aos 65 novos técnicos de Formación Profesional do Centro de Estudos Povisa –CEP-. O acto estará presidido por José Silveira Cañizares, presidente do Padroado desta institución académica, e contará ademais coa presenza da delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; o xefe territorial da consellería de Educación e Cultura, César Pérez Ares; e o inspector xefe provincial de Educación da Xunta de Galicia, Manuel Torres.
Dos 65 novos titulados, 30 son de Imaxe para o diagnóstico, 18 de Radioterapia e 17 de Anatomía e Citología, que se suman así aos máis de 400 titulados que xa cursaron os seus estudos de FP no centro.
O acto contará ademais cunha conferencia maxistral sobre as aplicacións da radioloxía, a cargo de Ramón Díaz Branco, xefe de protección radiológica do Hospital Povisa e profesor da Escola de Enfermaría desde a súa fundación.
O Centro de Estudos Povisa, que puxo en marcha os seus primeiros ciclos formativos en 1995, segue sendo a única institución académica do sur de Galicia en ofrecer as titulacións de FP superior en Radioterapia e Lingua de Signos, e o seu sistema de formación e prácticas distínguese polo feito de que os alumnos poden realizar as súas prácticas no Hospital Povisa coa tecnoloxía máis avanzada e en colaboración con profesionais de recoñecido prestixio.











