publicidade hoxe

Un total de 44 persoas formaranse en dous obradoiros de emprego na comarca de Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresCabana de BergantiñosFeneLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar investirá un total de 390.00 euros en dous obradoiros de emprego para a comarca de Ferrolterrra, nos que se formarán un total de 44 persoas sen emprego.

Así o anunciou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, en Fene, onde destacou que a comisión de valoración da Consellería vén de aprobar estes dous programas mixtos de formación e emprego.

Por unha banda, Mato explicou que Traballo destinará 185.000 euros a un obradoiro de emprego para os concelllos de Fene, Ares e Cabana, que estará centrado nas especialidades de xardinería, pesca tradicional, cultivos agrarios e atención sociosanitaria. Nel formaranse un total de 21 alumnos e alumnas.

Doutro lado, a Consellería de Traballo e Benestar tamén vén de dar o visto bo ao obradoiro ‘Ferrol Verde 3’, que permitirá a 23 persoas sen emprego acceder a un posto laboral e a unha formación de calidade nas especialidades de xardinería e albanelería. A esta iniciativa destinaranse 205.000 euros.

A conselleira destacou que estes programas mixtos de formación e emprego ofrecen diversas vantaxes como é a colaboración entre a administración autonómica e a local. Grazas a esta cooperación, resaltou que en Fene, ademais, porase en marcha unha nova escola infantil da Rede A Galiña Azul, na que se investirán 410.000 euros.

Mato apuntou, así mesmo, que outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é ofrecer unha formación teórica e práctica de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional. “Esta formación enriquecerá o currículum dos traballadores e traballadoras polo que contribuirá á mellora da empregabilidade destas persoas”, destacou.

Por último, a conselleira indicou que outra das vantaxes é que os obradoiros levan aparellada a realización de obras ou servizos e interese para a comunidade.

Deste xeito, indicou que o Goberno galego seguirá a apostar por estes programas e, así, anunciou que nos próximos meses se porán en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros, que contarán cun investimento de máis de 10,2 millóns de euros e beneficiarán a preto de 1.300 galegos e galegas. Na provincia da Coruña, desenvolveranse 15 novos programas aos que se destinarán 2,8 millóns de euros. Desta iniciativa, beneficiaranse 32 concellos e 315 alumnos e alumnas.

4 de xuño de 2014 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.