Un total de 125 postos participarán no Mercado Local Xusto de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Concellaría de Cultura e Participación veciñal acaba de publicar a lista de postos admitidos para o Mercado Local Xusto deste domingo 29 de xuño. Un encontro ao que se apuntaron 125 persoas para vender practicamente de todo, desde produtos da terra ata as curiosidades máis difíciles de atopar.

O mercado empezará a cobrar vida a iso das 9 da mañá coa instalación dos primeiros postos, porén os momentos de maior afluencia de público serán, seguramente, a partir das 12.Meteogalicia predí un día que amencerá con orballo pero que lle irá dando paso pouco a pouco ás nubles e os claros, polo que cabe agardar que o tempo non será impedimento para unha feira ben concorrida.

O espazo volverá distribuírse coma sempre: no adro do convento do Rosario situaranse os produtos da terra, na parte traseira do edificio irán os viveiros de pranta, na praza a artesanía e fronte ao centro de saúde e no aparcadoiro do cemiterio situaranse os postos de artigos de segunda man.

Desta vez inscribíronse no mercado 125 postos e tamén desta vez volven ser maioría os de antigüidades e artesanía, seguidos da venda de alimentos e outros produtos transformados e dos expositores de flores e pranta.

O obxectivo do Concello á hora de organizar o Mercado Local Xusto é dinamizar a economía da zona apostando principalmente pola relación directa entre quen produce e quen consume. Ademais, ao estar aberto a todo tipo de mercadorías, o encontro é tamén o lugar ideal para que cambien de mans centos de cousas en desuso ás que sempre hai quen lles volve sacar partido. Roupa, máquinas, libros, lámpadas, adornos e pequeno mobiliario, coleccionables, xoguetes, reloxos, botellas antigas, discos, etc., no mercado hai de todo e case sempre aparece algunha boa oportunidade.

O Mercado Local Xusto deste domingo non será o último. De feito, para o 27 de xullo volverá haber outro. Para participar nel haberá que achegar a folla de inscrición antes das 14 horas do día 22.

Os xeitos de formalizar a solicitude son varios: presentando a folla cuberta no rexistro municipal, enviándoa ao Concello por correo -Lugar do Casal 16 – 15560 San Sadurniño- ou por medio da conta de correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es. Neste mesmo enderezo pode obterse máis información, ademais dos teléfonos 616 332 919 e 981 490 027.

Xuntanza sobre produción ecolóxica

A cooperativa de consumo responsable A Xoaniña continúa co seu traballo para estruturar a produción ecolóxica da comarca. O luns a partir das 7 da tarde o salón de plenos do Pazoacollerá unha xuntanza co obxectivo de crear unha asociación de produtores e produtoras que permita planificar os cultivos para axeitalos ás épocas e ás demandas do mercado, así como acceder a liñas de finanzamento oficiais. Para participar na sesión haberá que cubrir previamente o formulario dispoñible na web da entidade.

Esta xuntanza é a segunda fase do plan emprendido pola cooperativa a primeiros de ano para incorporar máis labregos e labregas -e tamén máis superficie- ao seu proxecto de agricultura e gandaría sustentables. A Xoaniña converteuse nos últimos anos no referente para os consumidores de Ferrolterra, o Eume e Ortegal que buscan a máxima calidade e que están comprometidos coa economía local. Un mercado próximo e en constante crecemento que cómpre atender e que pode supor unha oportunidade laboral e un xeito de pór en valor terras que levan anos desaproveitadas.

Tralas primeiras reunións informativas a Xoaniña conta xa cun grupo aproximado de 30 persoas con terra e gana de traballala segundo os estándares da agricultura ecolóxica. Non é un grupo pechado, senón que está aberto a que se sumen máis propostas. Na web da cooperativa hai máis información sobre os seus proxectos e tamén un formulario para que nos asesoren sobre como podemos entrar formar parte da iniciativa.

27 de xuño de 2014 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.