Un milleiro de persoas participaron no primeiro Día do Deporte de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira edición do Día do Deporte de Oroso, un evento no que foron distinguidos trinta deportistas do municipio, escollidos polos propios clubs deportivos orosáns. Un acto celebrado no campo de fútbol Lino Balado e que estivo presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde.

Manuel Mirás destacou que “nos últimos cinco anos multiplicouse por 10 o número de veciños e veciñas que practican deporte e que se teñen convertido nos mellores embaixadores de Oroso, con permiso da nosa Festa da Troita”. Así mesmo, o alcalde orosán indicou que “queremos que este Día do Deporte se converta na gran festa do deporte en Oroso, do deporte con maiúsculas: o que practican os nosos veciños e veciñas” e destacou o feito de que “os premiados non foron elixidos polo Concello, senón polos propios clubs deportivos como recoñecemento ao traballo diario de nenos e adultos”.

Pola súa banda, Luís Rey Villaverde agradeceu o traballo realizado polos directivos e adestradores dos clubs, así como das familias de Oroso polo seu esforzo para que “hoxe aquí teñamos máis de cincocentos rapaces e rapazas practicando distintas modalidades deportivas, algunhas delas con moito éxito”. Aínda que felicito a todos os clubs en xeral polos seus logros deportivos, Rey Villaverde destacou tres en especial: o ascenso á Superdivisión de Honra do Oroso TM, os distintos campionatos conseguidos pola ED Xuventude Oroso e os grandes triunfos conseguidos polo Xadrez Oroso apenas un ano despois da súa creación.

Distincións

O acto comezou coa entrega de cadansúa medalla aos máis de 500 rapaces e adultos dos catorce clubs deportivos do municipio: Itf Taekwondo Oroso, Club Xadrez Oroso, Oroso Tenis de Mesa, Ximnasia Rítmica, Club de Béisbol Leones, Club Patín Oroso, Oroso Fútbol Sala, ED Xuventude Oroso, Sigüeiro FC, Oroso Motor Sport, Club Deportivo Alecrín, club ciclista Tambre Bike, Club Bádminton e Club Tambre Golf. Acto seguido, entregáronse as 22 distincións outorgadas por estes clubs aos seus mellores deportistas e ás súas mellores promesas, entre os que figuraban ata cinco campións absolutos de Galicia nas súas respectivas modalidades.

Recoñecementos deportivos

Así mesmo, o Concello de Oroso entregou un recoñecemento deportivo a Fernando Abad, presidente e fundador do club ciclista Tambre Bike que ten traballado no fomento do deporte da bicicleta en Oroso organizando distintas quedadas e marchas (como a recente celebrada durante a Festa da Troita que contou con máis de 300 participantes). A nivel deportivo, Abad ten un longo historial en probas de duatlón, onde quedou 11º no Campionato de España e 15º no Campionato do Mundo canda a Selección Española.

O acto rematou cunha sentida homenaxe do Concello de Oroso a sete directivos e ex-directivos do Sigüeiro FC polo seu traballo ao longo da historia deste club:

– José Souto, persoa vencellada ao Sigüeiro FC dende os seus inicios e que traballou coas distintas directivas facendo todo tipo de tarefas de xeito altruísta, sendo persoa de máxima confianza e dedicación.

– Antigos directivos das Tempadas 1983-4 e 1984-5, que colaboraron nas obras de construción do campo de fútbol Lino Balado. Entre os distinguidos: Antonio Castro Liste, Antonio Rial Vieites e Francisco Mirás Maroño. Ademais, recibiron o premio a título póstumo Manuel Precedo Cotón e Juan Manuel Vilares Bouzas, distincións que foron recollidas pola súa filla e irmán, respectivamente.

– Daniel Liste, pola súa colaboración para conseguir os terreos para o campo de fútbol Lino Balado despois de negociar coa Consellería de Agricultura e antigos propietarios.

Relación de premiados

Coas excepcións do Club Alecrín (que non entregou premios debido a que foi creado hai apenas 1 mes) e do Taekwondo ITF Oroso (que non se decidiu por dúas únicas candidaturas entre todos os alumnos e preferiu deixalas desertas), o relatorio de premiados, cos seus méritos destacados polos propios clubs, é o seguinte:

BÁDMINTON OROSO

MELLOR DEPORTISTA. CARLA SILVEIRA CARNOTA. É unha deportista exemplar pola súa dedicación, esforzo e capacidade para aprender. Mostra sempre moita ilusión é pon gañas para mellorar. Destaca tamén pola súa aptitude, comportamento, seriedade e interese a hora de adestrar. Ademais de ser unha gran deportista, Carla é unha gran compañeira

MELLOR PROMESA. SERGIO GARCÍA MAZÁS. A pesar de levar só unha tempada practicando bádminton, Sergio mostra unhas grandes calidades para este deporte. A súa boa progresión e boa coordinación fan que este pequeno deportista xa mostre súas destrezas dentro da cancha. Dispón de moitas capacidades para este deporte, asimilando os conceptos técnicos, os cales vai mellorando día a día, polo que se sigue nesta liña, pode ser un gran deportista competitivo.

LEONES BÉISBOL

MELLOR DEPORTISTA. BRIAN RIERA CASTRO. Deportista de só 17 anos e o que máis destacou este ano. Sempre ten boa aptitude e entrega tanto nos adestramentos coma nos encontros oficiais. Destacou tamén en todas as posicións do equipo sénior, en dúas tempadas consecutivas. É tamén un gran compañeiro e peza clave dentro do club

MELLOR PROMESA. VANESA RIAL PINTO. Deportista con gran proxección con só 7 anos. Con pouco tempo no club destaca pola aptitude e o aprendizaxe do xogo. Demostra todo o aprendido en cada momento. Destaca tamén pola boa simpatía con todos e súa boa integración con seus compañeiros e monitores.

OROSO FÚTBOL SALA

MELLOR DEPORTISTA. ADRIÁN SEOANE LAGO. Exemplo de superación, Adrián destaca a parte de polo seu xogo, pola súa sinxeleza, polo seu comportamento e o compromiso co club ao cal chegou mediada a pasada tempada. Sempre disposto a mellorar, grazas ao esforzo e o empeño que pon, levárono a ter unha gran melloría en pouco máis dun ano que leva practicando o fútbol sala e xogando para o Oroso Fútsal, na liga ADV de Santiago.

MELLOR PROMESA. YAGO GARCÍA COTÓN. Yago tamén chegou ao Oroso Fútbol sala a tempada pasada, a falta dun mes para rematar a campaña. En pouco tempo, a parte de polo seu esforzo, seu comportamento e o seu compromiso, soubo tamén gañar o recoñecemento por parte de técnicos e adestradores a base dunha voraz predisposición para superase día a día.

OROSO MOTOR SPORT

MELLOR DEPORTISTA. MANUEL SOUTO PADERNE. Leva 3 anos competindo na modalidade de Rallyes de Asfalto. Clasificouse entre os primeiros postos no Rally Botafumeiro e tamén en varios Rallyes-Slalom nos que participou. Conseguiu un meritorio terceiro posto no campionato galego de SLALOM. Ademais de competir dedícalle todo seu tempo libre ao club de forma altruísta axudando aos seus compañeiros, tanto no tema de patrocinios, subvencións ou reparacións dos vehículos.

MELLOR PROMESA. DAVID SENRA MARTÍNEZ. Compite na modalidade de KARTS dende os 12 anos. Con só 13 anos xa foi campión galego modalidade Júnior. No ano 2007 é subcampión no campionato de Castilla León. E no ano 2011 é campión galego de KARTING. David compaxina estudos, deporte e traballo co deporte do motor.

PATIN OROSO

MELLOR DEPORTISTA. ERIKA PEREIRA SEOANE. Con 12 anos, é unha das patinadoras que máis tempo leva no Club Patín Oroso. Atópase no nivel 5, un dos últimos das probas de niveis da Federación Galega de Patinaxe. Clasificouse no primeiro lugar da súa categoría, no Campionato de Patinaxe Artística Interclubs que organizou o Club Patín Oroso o pasado mes de marzo, no que participaron máis de 80 patinadores de recoñecidos Clubs de Patinaxe da Comarca.

MELLOR PROMESA. SARA DOMÍNGUEZ RODRÍGUEZ. Con tan só 5 anos, é a patinadora benxamín máis pequena en competición oficial do Club Patín Oroso. Superou, o pasado día 1 de xuño, o nivel 1 das probas de niveis da Federación Galega de Patinaxe. Clasificouse no primeiro posto da súa categoría no Campionato de Escolas Deportivas de Patinaxe Artística organizado polo Club Patín Oroso no mes de marzo, no que participaron máis de 60 patinadores de diferentes Escolas.

OROSO TENIS DE MESA

MELLOR DEPORTISTA .JAVIER OBELLEIRO RIBEIRO (recolleu o premio seu pai por estar Javier fora participando no campionato de España). Sendo aínda sub23 é membro do primeiro equipo do club ascendido á máxima categoría: a SuperDivisión Española. O próximo ano é moi probable que sexa o único xogador galego que milite nesta categoría. Campión Galego Sub23 por equipos, dobres masculinos e dobres mixtos 2014. 3º clasificado Sub23 Individual Zonal Norte. Clasificado para o Torneo Estatal Nacional onde participan os 32 mellores sub23 de España.

MELLOR PROMESA. ABRIL GONZÁLEZ SÁNCHEZ. Subcampioa Galega Benxamín Individual ano 2014. Clasificada para o Torneo Estatal Nacional onde participan as 32 mellores benxamíns de España sendo benxamín de primeiro ano. 3º posto no Campionato Galego por Equipos Benxamín formando parella con Uxio Pampín.

TAMBRE BIKE

MELLOR DEPORTISTA. AMANCIO ESPIÑEIRA. Foi galardoado na gala do ciclismo Galego celebrada o 18 de Xaneiro en Ponteareas (Pontevedra) como mellor ciclista galego na modalidade de btt rally. Convértese no primeiro corredor do Concello de Oroso en conseguir tal premio e finalizar unha tempada para o recordo, gañando case todas as probas que disputou. Entre os seus maiores logros destacamos que foi campión galego do OPEN RALLY DE GALICIA e tamén quedou campión no I CIRCUÍTO BTT da PROVINCIA DA CORUÑA

PITCH & PUTT

MELLOR DEPORTISTA. ENRIQUE RAMA RIBERA. Leva só 4 anos practicando PITCH & PUTT e adestrando no campo de Porto Avieira (Oroso) e o seu currículo deportivo abarca un gran número e trofeos. No 2012 viaxa a Dublín para participar no campionato do mundo ca selección galega, quedando no posto 7º. No 2013 queda subcampión galego na modalidade MATCH – PLAY. No 2014 é campión galego absoluto. No campionato do mundo individual remata no posto 22. É tamén o mellor xogador galego do Ranking Europeo.

XADREZ OROSO

MELLOR DEPORTISTA. MARTÍN PENA VARELA. Campión Galego 2014. Campión Provincial 2014. Subcampión do Circuíto Galego 2013. Campión no Torneo de Monforte 2014. Líder da súa categoría no Circuíto Galicia Central 2014. Primeiro taboleiro do Club Xadrez Oroso que acadou o ascenso de categoría na Liga 2014 con só unha derrota nas 8 roldas disputadas. Participará en xullo no Campionato de España representando a Galicia e a Oroso.

MELLOR PROMESA. CARMEN MÍGUEZ PAIS. Campioa no Torneo de Lalín 2014. Campioa no Torneo de Monforte 2014. Líder da súa categoría no Circuíto Galicia Central 2014. Cuarta clasificada no Campionato Galego 2014. Quinta clasificada no Campionato Provincial 2014. Empezou a competir no ano 2014 e a súa progresión é espectacular tendo en conta que tan só ten 10 aniños.

XIMNASIA RÍTMICA

MELLOR DEPORTISTA. ALBA VARELA PONTE. Subcampioa Provincial na Coruña Categoría Promoción Individual. 1º Clasificada no Torneo As Triscas de Pontevedra. 2º Clasificada no Torneo Camiño de Santiago Ximnasia Rítmica. 2º Clasificada Torneo Vagalume Memorial Jorge Crespo. 2º Clasificada Torneo Jael Santiago Club Viravolta.

MELLOR PROMESA. NURIA PÁJARO VIQUEIRA. 5º Campionato Provincial Escolar (conxuntos). 1º Clasificada Torneo Camiño de Santiago Ximnasia Rítmica (individual). 2º Clasificada Torneo Camiño de Santiago Ximnasia Rítmica (conxuntos). 2º Clasificada Torneo Club Maniotas (conxuntos). 2º Clasificada Torneo Vagalume Memorial Jorge Crespo (individual).

SIGÜEIRO FC

MELLOR DEPORTISTA. JUANITO AMIGO FERREIRO. Xogador dianteiro e goleador en activo, mais veterano que se formou, xogou e xoga no SIGÜEIRO FC. No ano 91 da o salto ao fútbol profesional e ficha pola SD Compostela. Ten unha larga traxectoria futbolística, chea de éxitos e gratos recordos, xogando nos seguintes equipos: Sigüeiro FC, SD Compostela, Deportivo da Coruña, Betis, Mérida, Levante, Toledo, Racing Ferrol e Narón. Juanito antes de colgar as botas decide volver a súa casa onde naceu e ten seus amigos, axudando ao equipo do seu Concello, o SIGÜEIRO F.C. Sigüeiro e Oroso sempre lle estarán agradecidos a este gran xogador e gran persoa, xa que grazas a el Oroso e Sigüeiro coñécense en moitos lugares. Todos escoitamos algunha vez en prensa televisión ou radio, “JUANITO O DE SIGÜEIRO”.

MELLOR PROMESA. JACOBO LIÑARES BOQUETE. Inscríbese dende moi pequeno nas Escolas Deportivas Municipais de Oroso, onde destacaba por seu carácter, atrevemento e creatividade a hora de xogar o balón. Sendo alevín incorporase ao equipo do Colexiata de Santiago, logo da un gran salto en categoría cadete fichando polo CD Conxo de División de Honor, quedando campión de liga e campión galego. Actualmente é un dos xogadores mais novos do SIGÜEIRO FC, destacando pola súa entrega e conduta deportiva dentro do campo. Ten unha gran proxección como deportista e persoa, sendo tamén un gran amigo e compañeiro.

ED XUVENTUDE OROSO

MELLOR DEPORTISTA. HUGO RAMA CALVIÑO. Con catro anos iniciouse nas Escolas Deportivas do Concello de Oroso. Nun torneo internacional, con só 9 anos foi seguido por Javier Maté sendo este coordinador do Celta de Vigo e pasou a formar parte do equipo de Alevíns. Tamén participou coa selección autonómica sendo campión Galego. Con 13 anos participou no Mini-Europeo en Brazov (Romanía) quedando en 6º lugar. Xogou tamén nos Cadete de División de Honra do Real Club Celta de Vigo. Actualmente ten ficha xuvenil co Xuventude Oroso, logrando que este equipo por primeira vez na historia ascenda a categoría xuvenil de galega. Foi convocado tamén co equipo sénior de 1ª Rexional axudando a que este conseguira a permanencia na categoría.

MELLOR PROMESA. BRAIS PÉREZ MORETA. Incorporase a Escola con catro anos logo de participar no campus Celta de Vigo. Foi campión de liga a tempada pasada como prebenxamín de primeiro ano. Esta tempada repite tamén titulo de campión de liga e disputa o titulo galego. Pola súa calidade, aptitude e gañas de aprender é un deportista con gran proxección deportiva, ademais de bo compañeiro.

21 de xuño de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.