Un grupo de alumnos da Guarda gañan un certame internacional de modelado 3d co móbil

Alumnos da Guarda que se fixeron co premio
Un grupo de alumnos de 2º de bacharelato do IES A Sangriña da Guarda acaba de gañar o campionato do mundo da “d3mobile.es metrology word league”, unha competición internacional de modelado en 3D de precisión co móbil para estudantes de 4º da ESO e bacharelato. O Instituto da Sangriña proclamouse gañador desta competición por segundo ano consecutivo. No ano 2013 xa conseguira gañar o campionato cun equipo formado por estudantes de 4º ESO.
A competición está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación USCAN3D. Pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología). Polo CEM (Centro Español de Metrología) e polo Instituto Geográfico Nacional.
O obxectivo desta competición é fomentar vocacións científicas e técnicas entre os xoves e espertar a súa capacidade investigadora a vez que aprenden a usar novas técnicas e ferramentas relacionadas coas novas tecnoloxías.
Dende que en xaneiro dera comezo a metrology word league, o equipo do IES A Sangriña da Guarda “tecnosang 2.1” compatibilizou, no sen esforzo, as esixencias do último curso do bacharelato coas propias da competición. As veces tiveron que traballar contrareloxo para entregar a tempo algunha das probas. Os integrantes do equipo e futuros estudantes de enxeñería, son Irene Rodríguez Rodríguez, Jorge Piedra Dorado e Alejandro González Martínez, coordinados polo profesor de tecnoloxía Antonio Lomba Baz.
A competición consiste en utilizar o seu teléfono móbil e un ordenador persoal, xunto cun software específico, para crear modelos tridimensionais a escala de obxectos reais. A técnica utilizada para realizar estes modelos recibe o nome de fotogrametría. A realización de modelos tridimensionais con esta técnica utilízase a nivel profesional en distintos ámbitos, é a que usan, por exemplo, para crear as tomas de “ollo de falcón” nos partidos de tenis.
Os integrantes do equipo campión queren agradecer o apoio e os ánimos de toda comunidade educativa así como o trato dispensado polos organizadores do evento.
A cerimonia de entrega de premios celebrarase o xoves 26 de xuño ás 12:00 no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela).











