Últimas horas no edificio da antiga Casa do Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello de San Sadurniño está de mudanza. Desde este venres e ata o domingo trasladaranse ao Pazo ordenadores, centos de caixas con expedientes e documentos e incluso algún mobiliario que se vai reutilizar na nova sede. A partir do luns todos os servizos funcionarán xa na nova casa consistorial situada -tomade nota- no lugar do Casal nº 16.

O forte do traslado deixouse para sábado e domingo co obxectivo de que o cambio de sede non lle afecte ao funcionamento da administración. A empresa Servicio Móvil encargarase de baixar case todo o contido do edificio antigo despois de que os distintos departamentos municipais fixesen nos últimos días un intenso labor de clasificación e embalaxe documental. 

O Concello abrirá as portas no Pazo a partir do luns. Agárdase que non haxa contratempos e que todo funcione con normalidade desde o primeiro día. Con todo, un cambio desta envergadura sempre trae aparellada algunha pequena incidencia. A administración local pídelle escusas e algo de paciencia á veciñanza por se xurdisen problemas que impidan ou retarden algunha xestión durante os primeiros días.

Agás o técnico de Cultura, a bibliotecaria e a Rede CeMIT, todos os demais servizos marchan para o Pazo, onde gozarán de máis espazo e dunha distribución distinta. De feito, o traslado supón tamén un cambio nas dinámicas do persoal municipal. No primeiro andar van os servizos sociais, a educadora familiar e a técnica de igualdade. A alcaldía e a sala de xuntas van no mesmo espazo, ocupando unha esquina do edificio. Por outra banda, urbanismo, secretaría e tesourería compartirán unha grande sala con divisións mediante mamparas e con acceso ao mostrador de atención ao público, onde se sitúa o rexistro e onde, a partir do luns, só haberá dúas persoas. 

Na parte da torre sitúanse as concellarías e na fachada norte do pazo irán dependencias como a oficina de Desenvolvemento local. Arredor do patio interior distribúese o arquivo e o salón de plenos, que comunica coa oficina de Orientación laboral. A esta última tamén se pode acceder desde os xardíns municipais a través dunha rampa preparada para persoas con mobilidade reducida.

O cambio de lugar supón, ademais, cambio de enderezo. A partir de agora cando mandemos algo ao Concello por correo teremos que consignar o enderezo “Lugar do Casal nº 16” xunto co código postal de sempre, o 15560. O teléfono da centraliña segue sendo o mesmo, o 981 490 027.

Usos do antigo Concello

A ala Leste do convento do Rosario que foi sede municipal nos últimos 150 anos -pasou a mans do Concello en 1863- terá en breve novos usos. O espazo ocupado ata agora polas oficinas municipais converterase en posto da Garda Civil, tralo acordo de cesión adoptado polo Pleno o pasado mes de marzo. 

Falta por decidir que se vai facer co resto de dependencias. Entre as posibilidades que valora o goberno local están destinar o salón de sesións a sala de usos múltiples e o arquivo a oficinas para os partidos políticos. Por outra banda tamén se sopesa converter en local de ensaio ou centro da mocidade o espazo ocupado ata agora pola oficina de orientación laboral e pola Garda Civil.

20 de xuño de 2014 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.