Tres prescriptores americanos conclúen a súa visita á D.O. Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPontevedraPontevedra
A-
A+
Visita dos prescriptores americanos á D.O. Rías Baixas

Visita dos prescriptores americanos á D.O. Rías Baixas

Tres profesionais estadounidenses vinculados ao mundo do viño, a sumillería e os medios de comunicación culminan hoxe a súa visita á D.O. Rías Baixas, tras coñecer as subzonas do Salnés, Condado e Rosal a través da visita a un total de nove adegas. Roger Morris, Hayley Hamilton e Alyssa Vitrano puideron profundar así no coñecemento dos diferentes viños que se producen nesta denominación de orixe, xa que para dous deles era a primeira ocasión na que visitan esta zona. Non así no caso de Roger Morris, que estivera en Galicia hai xa algúns anos.

Facendo balance da súa viaxe, o grupo destacou que un dos aspectos que máis chamou a súa atención foi a gran diversidade que descubriron nas Rías Baixas. Os matices diferenciais entre os viños do Salnés, do Rosal e Condado, que ofrecen matices diferentes en boca que os fan únicos, foron para eles un gran descubrimento. Durante a súa estancia o grupo tivo a oportunidade de desprazarse e coñecer o modo de cultivo e produción tanto en grandes adegas como noutras máis pequenas e familiares, o que lles permitiu facerse unha completa composición de lugar sobre a estrutura de produción desta D.O. Neste sentido, o grupo destacou especialmente a gran cantidade de mulleres vinculadas a postos de responsabilidade nas adegas que visitaron. Os profesioanales estadounidenses puideron catar non só viños novos do ano senón tamén elaboracións especiais, o que lles permitiu descubrir que os viños de Rías Baixas envellecen de forma excelente.

Ademais de colaborar con medios de comunicación xerais e especializados en EE.UU tanto Morris como Vitrano e Hayley Hamilton manteñen tamén os seus respectivos blogs relacionados coa gastronomía, os viños e as viaxes, bitácoras que se actualizarán con esta nova experiencia na Denominación de Orixe Rías Baixas.

5 de xuño de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.