Traballo promove en Madrid os avances acadados en materia de RSE e as súas vantaxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, presentou hoxe en Madrid os avances acadados en Galicia en materia de Responsablidade Social Empresarial (RSE) e as vantaxes que achega tanto a empresarios como traballadores nunha xornada da Comisión de Xestión da Responsabilidade Corporativa do Clube de Excelencia en Sostibilidade.

Martiñá destacou as principais medidas que a Xunta está a desenvolver neste eido a través do Plan de Acción de RSE 2014-2015, unha folla de ruta específica para a Comunidade autónoma neste ámbito que sirve de guía para as empresas e a cidadanía en xeral. Na páxina http://rse.xunta.es atópase este documento que inclúe 31 accións, algunhas delas, dirixidas a sectores como o téxtil, o agroalimentario, o forestal ou o tecnolóxico.

Entre as actuacións, Martiñá destacou a elaboración dunha guía de boas prácticas de RSE no sector turismo e madereiro, así como a posta en marcha dun boletín dixital con carácter trimestral.

Outra das medidas que resaltou foi a ferramenta de software Xunta Pro-RSE que a Administración galega ten a disposición das empresas galegas de maneira gratuíta co obxectivo de que poidan integrar as variables da RSE na xestión do seu negocio dunha maneira sinxela e gráfica.

Outra das actuacións postas en marcha polo Goberno galego é o programa de axudas para a implantación da RSE por parte das empresas. Este programa ten por obxecto este ano conceder subvencións en réxime de concorrencia competitiva a pemes para a formación de persoal neste materia.

Así mesmo, Martiñá lembrou que o departamento autonómico está a liderar a Rede Transrexional de RSE que ten como obxectivo prioritario fomentar a definición das novas vías de promoción deste ámbito por parte das administracións públicas cara ás Pemes. Nesta rede, creada en 2012, participan, ademais de Galicia, o Goberno de Navarra, o cabildo de Tenerife e Uniminho, a Asociación do Val do Miño Transfronteirizo.

Por último, o responsable da área autonómica destacou que a través do programa ‘Start Up, Stand Up’, que se enmarca no programa europeo Enterprise 2020 e que está a desenvolver o departamento autonómico, estase a promover a RSE, así como o emprego xuvenil e a formación dos traballadores e traballadoras de Galicia nas novas tecnoloxías.

25 de xuño de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.