Traballo concede 6 plans integrados que beneficiarán a preto de 500 persoas da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar concedeu un total de 6 plans integrados para 14 concellos da provincia de Pontevedra, xa sexa de forma individual (Vigo, Redondela, Marín, Moaña e Lalín) ou mancomunadas (un plan para a mancomunidade do Salnés composta polos concellos de Vilagarcía, Vilanova, A Illa, Meaño, Meis, Ribadumia, O Grove, Cambados e Sanxenxo), que se desenvolverán no período 2014-2015.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, indicou hoxe nunha rolda de prensa que estes 6 plans van supoñer un investimento de preto de 850.000 euros por parte do departamento autonómico, un 28% do orzamento total de Galicia, e beneficiarán a 465 pontevedreses e pontevedresas, un 27% dos participantes totais da Comunidade.

En cada un dos programas, os participantes oscilarán entre os 60 e os 100 dos plans de Vigo e Redondela e serán persoas con dificultades para acceder a un posto de traballo, tales como persoas con discapacidade; en risco de exclusión; mulleres, en especial vítimas de violencia; menores de 30 anos, en especial con baixa cualificación; desempregados de longa duración, de forma especial os de baixa cualificación; inmigrantes; e desempregados a consecuencia de un ERE.

En total, en Galicia nas próximas semanas poranse en marcha 22 plans integrados en concellos, cun investimento total de 3 millóns de euros e 1.742 beneficiarios. Ademais, Mato explicou que proximamente se resolverán as solicitudes dos plans integrados para entidades sen ánimo de lucro, que van estar dotados con preto de 2,5 millóns, o que suporá un orzamento total de 5,5 millóns de euros, un 117% máis que o ano pasado.

A titular de Traballo expuxo que dito esforzo orzamentario consolida a aposta do departamento por esta iniciativa como “ferramenta para a mellora da empregabilidade e a inserción dos traballadores desempregados”, que ofrece un itinerario integral e individual para cada un dos participantes, combinando diversas actuacións que van desde información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas e inserción.

Beatriz Mato destacou a importancia da formación para que os traballadores atopen empregos de calidade e para que as empresas sexan máis competitivas. Os plans integrados contan con dous tipos de accións formativas: as especializadas, para exercer un emprego nunha especialidade concreta; e as transversais, que ofrecen competencias como a elaboración do currículo, a informática, a prevención de riscos ou o autoemprego, entre outras.

Esta ferramenta persegue a inserción laboral dos participantes e fixan un obxectivo mínimo do 35%, se ben hai plans cunha porcentaxe maior, como o da mancomunidade do Salnés ou o do concello de Redondela, que ascenden ata o 50 por cento, o que os coloca á cabeza da comunidade autónoma, xunto con Coruña.

A responsable do departamento autonómico referiuse tamén a importancia da colaboración entre Xunta e concellos, tal e como ocorre cos plans integrados. Unha cooperación que se reflicte tamén noutras iniciativas como os 12 obradoiros financiados na provincia de Pontevedra, que beneficiarán a 24 concellos, contarán con 242 alumnos e un investimento de dous millóns de euros; a posta en marcha do programa de contratación de perceptores de RISGA nos concellos de Galicia, cun orzamento de 3 millóns de euros; e o programa de formación dual a entidades locais, ampliando o seu orzamento en 3 millóns de euros e prologando o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de novembro.

18 de xuño de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.