Tomiño celebrou o Día do Medio Ambiente recoñecendo o traballo das traídas de augas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+
Público asistente ao acto

Público asistente ao acto

O Concello de Tomiño celebrou onte o Día do Medio ambiente, cun acto conmemorativo no que salientou o traballo das trinta e seis traídas de augas do municipio.

Durante o acto, presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Vías e Obras, Francisco Campo Lago.

Na oportunidade, o goberno municipal fixo entrega dunha máquina de nova tecnoloxía para a detección de fugas, que dará servizo a todas as traídas de augas do concello, evitando moitas obras en estradas e camiños , ao detectar roturas nas tubaxes, co aforro económico e de tempo conseguinte, e contribuíndo a unha xestión máis efectiva do abastecemento que dá servizo a 4439 vivendas.

En representación das directivas das traídas interveu Rafael Carrera, presidente daAsociación das Traídas de Augas (COXAPO), quen resaltou o traballo en equipo realizado durante todos estes anos e animou a seguir na mesma liña.

A alcaldesa de Tomiño salientou na súa intervención, “a importancia da labor, do traballo de todas as directivas das traídas, que día tras día, xestionan os mananciais e pozos de auga que abastecen a máis do 80% dos fogares deste concello”. Sandra González referiuse tamén ao espírito asociacionista e altruísta que caracteriza ao pobo tomiñés e que posibilita unha xestión de calidade que se realiza de forma desinteresada.

Por último, a rexedora tomiñesa aproveitou a ocasión para facer unha mención especial a Alfredo “Tito” Magán, da traída de Rexidouro-Barro-A Pedra; “un home que exemplifica esa boa xestión da auga e que durante anos amosou coa súa intachable labor, a importancia das traídas de auga para unha vida de calidade”.

O concelleiro de Obras, Francisco Campo Lago, pola súa banda, agradeceu tamén o traballo das directivas ao fronte das traídas. “En Tomiño somos conscientes da importancia da auga pero tamén do valor das persoas que a xestionan; por iso, queremos render esta sinxela homenaxe a todos e todas vos que xuntades esforzos polo ben común”, dixo.

 

6 de xuño de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.