publicidade hoxe

Tomiño amplía a oferta deportiva e de ocio con máis de doce actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

O Concello de Tomiño amplía a súa oferta deportiva e de ocio para o verán, sumando ao xa tradicional Campus de Fútbol, que se celebrará entre o 14 e o 26 de xullo, unha ducia de actividades, campus e campamentos, dirixidas especialmente a nenos e nenas interesados en ampliar a súa formación ou aproveitar o tempo de verán aprendendo novas cousas.

A Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño, ademais do xa citado Campus de Fútbol, a celebrarse entre os días 14 e 26 de xuño nos campos de A Carballa e Goián, organiza coma novidade, durante os meses de xullo e agosto, campus de baloncesto, de tenis e padel, de xadrez, piragüismo e augas bravas.

Asemade, haberá cursos de Ioga e Tai-chi na Fortaleza de Goián, danza e aerobic, rutas turístico-ambientais de descenso en piragua e un campamento urbano para nenos e nenas, este último, entre o 7 de xullo e o 7 de agosto. Como en anos anteriores, os participantes realizarán da man de monitores de tempo libre e voluntarios do Concello, diferentes actividades coma debuxo, pintura, xogos populares, manualidades, dinámicas de grupo, etc. O campamento terá lugar no Campo da Feira en horario de 9.00 a 14.00 horas e terá un custe de 10 euros.

A ampliación da oferta deportiva e lúdica responde, segundo explica a concelleira de Cultura e Deportes, Cristina Martínez, ao ánimo de ofrecer á veciñanza un ocio de calidade, ofertas deportivas diferenciadas para fomentar o deporte de base, e ao mesmo tempo, axudar ás nais e pais que traballan a conciliar a vida laboral e familiar.

En todas as actividades ofertadas terán preferenza as persoas empradoadas en Tomiño. Para realizar a correspondente inscrición, as persoas interesadas poden chamar ao 986622001/02/03 ou enviar un correo electrónico a cultu.deporte@gmail.com ou omix@concellotomino.com.

24 de xuño de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.