Todo listo para o Campus Obradoiro CAB – Barbanza
Os pavillóns boirenses da Cachada e Santa Baia prepáranse xa para acoller ao Campus Obradoiro CAB – Barbanza entre o próximo 30 de xuño e o 5 de xullo, seis días nos que nenos e mozos de toda a provincia reuniranse para mellorar as súas habilidades baloncestísticas sen deixar pasar o tempo de lecer.
A menos dunha semana para a cita, o director do Campus e encargado de toda a canteira obradoirista, José Anxo Rivera “Mozan”, asegura estar “moi satisfeito” coa cifra de inscritos deste ano e espera que “os nenos gocen, polo menos, tanto como na anterior edición”. Mozan destacou que o obxectivo principal do campus é que “os rapaces establezan novos vínculos con compañeiros novos, que non coñecen previamente. É unha forma de estender valores como os de convivir, compartir e cooperar. Pero non só iso, tamén cuestións máis básicas como o respecto aos demais, as boas formas, etc.”. Ademais, lembrou que “o baloncesto é un deporte de equipo, no que é tan importante o traballo para mellorar persoalmente como o traballo para axudar aos demais a ser mellores, e iso xa inculca en por si uns valores nos que traballaremos durante todas as xornadas”.
No ámbito máis técnico, o director anticipou a presenza de profesionais como a adestradora Paula Couto, directora técnica da cita, ou Luís Forés, técnico do C.B. Noia, que se encargarán de que os nenos melloren algúns xestos técnicos e vexan novos métodos de traballo, diferentes aos que están afeitos si xa pertencen a un equipo en concreto. Tamén anunciou, por último, que “haberá algunhas visitas sorpresa, as cales estou seguro que lle farán moita ilusión aos participantes”.











