Titulados de 111 especialidades poderán acceder a 400 prazas de prácticas en empresas pontevedresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Mozos e mozas titulados de 111 especialidades e sen experiencia laboral previa terán a partir do 7 de xullo unha nova oportunidade de acceder ao mercado de traballo a través das bolsas de Práctica Laboral que convoca a Deputación.

Así o anunciou esta mañá o presidente da institución, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que informou da publicación, hoxe mesmo, da lista de empresas admitidas e excluídas deste Plan e do perfil de bolseiros que demandan.

Deste listado, que xa está colgado na páxina web www.depo.es/plan-de-practica-laboral-empresas-2014/empresas, despréndese que o perfil máis demandado polas empresas é o de licenciados ou graos en Administración e Dirección de Empresas (con 45 solicitudes), seguido dos ciclos superiores de Administración e Finanzas (39) e Xestión Comercial e Marketing (17).

Séguenlle as enxeñerías ou graos en Informática, no que se ofertarán 12 prazas, as mesmas que en Publicidade e Relacións Públicas. 11 bolsas ofertaranse para diplomados en Relacións Laborais ou en relacións Laborais e Recursos Humanos, e para o grao en Enxeñaría de Edificación ou Arquitectura Técnica.

8 empresas demandan arquitectos e 7 titulados de ciclo cuperior en Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma e en Programación da Produción en Fabricación Mecánica ou en Produción por Mecanizado.

370 empresas seleccionadas

Das preto de 1.000 empresas que se presentaron para optar ao plan, foron seleccionadas 370, que recibirán 1, 2 ou 3 bolseiros en función do proxecto presentado.

Neste sentido, Rafael Louzán subliñou que, ante o récord de solicitudes recibido, priorizouse a “aquelas empresas con solvencia, con características determinadas que todos podemos coñecer que teñen garantía de futuro e estabilidade” de forma que os bolseiros poidan continuar nelas unha vez rematada a bolsa.

Das 370 seleccionadas, 284 son empresas que non participaron ou non foron beneficiarias do plan do ano anterior; 74 son empresas beneficiarias dun ou máis bolseiros do Plan de práctica laboral do ano 2013/2014 que contan cunha valoración positiva por parte da Comisión de Seguimento e 6  son colexios, cámaras, federacións, asociacións, fundacións ou similares que non contaron con bolseiros no anterior plan.

Proba específica de Inglés

27 das máis de 400 bolsas que se convocarán no marco deste Plan de práctica laboral incluirán unha proba específica de inglés, dado que as empresas demandan titulados que, ademais dos estudos requiridos, posúan dominio do inglés.

Tamén se realizará unha convocatoria separada das 4 prazas de ciclo superior en Dirección de Cociña que quedaron vacantes na primeira convocatoria para empresas do sector turístico. Neste caso, os titulados que desexen beneficiarse destas bolsas terán un prazo menos para presentar as súas solicitudes, dado que o obxectivo é que comecen as súas prácticas en empresas a mediados ou finais de xullo, coincidindo así coa tempada de máis actividade no sector no que van desenvolver a súa actividade profesional.

Os demais aspirantes disporán de practicamente todo o mes de xullo para realizar as súas solicitudes, de forma que o proceso de selección poida facerse en agosto e a bolsa comece a funcionar en setembro.

27 de xuño de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.