publicidade hoxe

Teo abre o prazo para presentar as solicitudes de cacharelas para a noite de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Co comezo do mes de xuño ábrese no Concello de Teo o prazo para comunicar a realización das cacharelas de San Xoán. Calquera persoa ou colectivo que teña pensado facer unha fogueira ó redor do 23 de xuño debe presentar a solicitude antes do 20 de xuño no Rexistro Xeral do Concello.

Dende o Departamento de Medio Ambiente lémbrase que os promotores destas cacharelas deben ter en conta normas de seguridade básicas entre as que destacan que o lume non debe sobrepasar os 8 metros de perímetro e os 3 de altura, a separación entre a fogueira e edificios ou árbores debe ser alomenos de 12 metros ou a prohibición de queimar neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites ou calquera sustancia que desprenda fume tóxico.

Por outra banda hai que ter especial coidado en deixar o lume totalmente apagado antes de abandonar o lugar no que se faga a cacharela, non facela debaixo de tendido eléctrico ou telefónico así como nas proximidades de locais que teñan produtos inflamables, e no caso de facela en terreos públicos enlousados debe protexerse o pavimento cunha capa de area dun grosor suficiente para evitar o seu deterioro.

As solicitudes de cacharelas, nas que se debe indicar os datos do solicitante así como o lugar exacto no que se vai facer a fogueira poden entregarse no Concello dende o 2 ao 20 de xaneiro. En ocasións as solicitudes non se ciñen á noite do 23 e adiántanse ao fin de semana anterior, polo que se recomenda entregar o formulario o antes posible no Rexistro. No Concello de Teo presentáronse o ano pasado case 200 solicitudes de fogueiras, unha cifra que se vén mantendo nos últimos anos.

2 de xuño de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.