Tempestivo fin de semana para a escudería Cerdedo tras avariarse a caixa de cambios do Seat Leon

Seat Leon da escudería Cerdedo
Comezaba o fin de semana de menos a máis nos adestramentos libres, mellorando de modo progresivo os tempos por volta no trazado mundialista.
A pesar de que na primeira toma de contacto coa pista o sábado, Campos colocábase a longuísimos 5 segundos dos tempos da cabeza de carreira, o duro traballo de todo o equipo conseguía que a final do día o piloto de Cerdedo se colocase en 6ª praza na posición de grella para a primeira carreira e en 5ª praza para a segunda a só dúas décimas do outro Seat León participante e xa a un segundo escaso da cabeza de carreira.
Nutrida grella de saída con máis de 35 pilotos en pista. A calor foi a nota dominante nas emocionantes carreiras disputadas en Alcañiz.
A matinal do domingo comezou cunha bonita carreira na que Juan campos foi adiantando posicións chegando a colocarse en cuarto posto. As penurias comezaron a 2 voltas do final cando a caixa de cambios do Seat Leon dixo basta. Avaría grave que impediría ao equipo disputar a segunda carreira.
A primeira das carreiras foi gañada por López Atienza/Escavias (Porsche 968), seguido polo holandés Van Zoest (Seat Leon Mk1) e Ferrán / Huertas (Renault Clío IV).
Na segunda carreira o vencedor foi o dúo composto polo italiano Vicinanza e o catalán Cosín (Renault Clío IV), seguidos por Van Zoest e en terceiro lugar Atienza / Escavias.
En calquera caso, a pesar de realizar a viaxe de volta coa bolsa baleira, a Escuadra Cerdedo en rali xa está a traballar duro para a próxima cita que será despois do verán no circuíto valenciano de Cheste.











