Susana Seivane visita o CEIP O Graxal de Cambre

Susana Seivane na visita ao centro educativo
A afamada gaiteira cambresa, Susana Seivane, visitou hoxe aos escolares do CEIP O Graxal, con motivo da publicación do concurso “A Historia das Mulleres do Concello de Cambre”. Os alumnos participaron na campaña contra a violencia de xénero que organizou a concellería de Igualdade cos seu relatos sobre as “historias de vida” de mulleres e veciñas de Cambre na edición infantil do concurso.
Este concurso tivo como finalidade que o alumnado ampliase o seu coñecemento sobre a historia e vida das mulleres do concello, e visibilicen a discriminación que puideron sufrir. Unha das historias dos pequenos versaba sobre a vida da gaiteira cambresa e foi premiada e publicada no libro que resume o concurso.
Seivane agradeceu aos pequenos que escribiron sobre a súa vida e atendeu a decenas de preguntas sobre a súa vida e sobre as dificultades de ser unha artista internacional cun instrumento que outrora só era tocado por homes. Os pequenos interesáronse polos comezos da gaiteira e profundaron na dificultade de alcanzar o éxito no mundo da gaita.











