publicidade hoxe

Supéranse as 200 solicitudes para cacharelas en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo supera as súas marcas anteriores e este ano tramitou máis de 200 solicitudes de cacharelas para a noite de San Xoán. En anos anteriores a cifra estaba preto das 200 pero este ano superouse. Unha explicación pode ser que algunhas persoas acordaron adiantar a celebración de San Xoán para facela coincidir coa fin de semana e así hai escritos presentados para os días 20, 21 e 22 de xuño. De todas maneiras a maioría das peticións respectan a tradición e farán a fogueira na tarde noite do 23 de xuño, véspera de San Xoán.

A maioría destas peticións están asinadas por particulares pero tamén hai solicitudes de asociacións de veciños, grupos de amigos, ou mesmo de comisións de festas. Sen dúbida unha das cacharelas máis tradicional en Teo e con máis asistentes é a que fan nas festas de San Xoán de Calo.

Para poder desfrutar desta celebración sen que se produzan accidentes é importante que os promotores das fogueiras e sardiñadas cumpran estrictamente coas medidas de prevención que se indican dende o Departamento de Medio Ambiente municipal. Entre outras cousas lémbrase que o volume da fogueira non debe superar os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; que a separación entre o lume e os edificios e árbores debe ser polo menos de 12 metros; que se prohibe a queima de plásticos, aceites, etc. e que unha vez rematada a cacharela debe revisarse que o lume queda totalmente apagado e no prazo máximo de 48 horas hai que retirar todos os restos da celebración.

Dende o Servizo Municipal de Emerxencia de Teo tamén se pide prudencia e precaución coas cacharelas, tanto co seu control, como á hora de saltar o lume, e tamén nos desprazamentos por estrada.

21 de xuño de 2014 | 20:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.