Soutomaior presenta as actividades ofertadas para o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Unha programación que comeza o martes 1 de xullo até o sábado 2 de agosto, data en que se celebrará o Festival de Clausura no Peirao de Arcade, e na que se espera que participen ao redor de 350 nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 15 anos empadroados no Concello de Soutomaior.

O alcalde, Agustín Reguera, xunto coa edil de cultura e o delegado de deportes, presentaron esta mañá algunhas das actividades que desenvolverá este ano o Concello durante o mes de xullo.

Inchables de auga, contacontos, visitas a zoolóxicos, karting, parques acuáticos, hípica, vea ou esquí acuático son algunhas das moitas propostas das que gozarán os nenos e nenas de Soutomaior. “Haberá todo isto e máis”, precisou o rexedor local, “aínda que tamén temos moitas outras sorpresas preparadas”. O resto de actividades daranse a coñecer o vindeiro sábado 28 de xuño, ás 12:00 horas, no edificio Multiusos de Arcade, onde se distribuirán os programas da primeira semana de actividades.

Non podían faltar, como todos os anos, a Festa da Bicicleta, programada para o domingo 20 de xullo e a tradicional acampada, para os grupos D e E, que se realizará os días 25,26 e 27 do mesmo mes. Ademais, todos os grupos, independentemente da idade dos compoñentes, teñen programadas varias saídas, algunhas delas de media xornada e outras das que poderán gozar durante todo o día.

As actividades de Verán terminarán o sábado 2 de agosto, ás 21:30 horas, coa celebración do Festival de Clausura no Peirao de Arcade, onde os participantes poderán gozar do vídeo das actividades realizadas ademais da actuación de “Dous pallasos en máis apuros”, un espectáculo familiar formado por Pedro Brandariz e Fran Rei, coñecidos polas súas aparicións no programa da TVG “Luar”.

Os interesados en inscribirse poden facelo a través de diferentes dependencias municipais como a Casa do Concello, O Pavillón da Montesiña, a biblioteca municipal Luís Seoane e a Omix, no edificio Multiusos de Arcade. O prazo de inscrición comeza o 9 de xuño e termina o próximo día 23 do mesmo mes. O prezo das actividades é de 10 euros por participante.

5 de xuño de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.