Soutomaior contará con catro cursos de formación para desempregados
O Concello de Soutomaior acaba de recibir catro cursos de formación para desempregados que se desenvolverán nos dous centros homologados cos que conta o municipio. Trátase de catro programas ocupacionais incluídos no plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) e que contan cun orzamento de 225.088,50 euros incluíndo as axudas aos alumnos.Cada ciclo conta cun aforamento máximo de 15 prazas e están destinados principalmente a poboación desocupada. As probas de selección comezan o mércores 25 para os dous primeiros ciclos. As clases impartiranse a partir do mes de xullo até o mes de decembro.
Trátase de catro ciclos sobre Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio, a persoas dependentes en institucións sociais, de actividades administrativas na relación co cliente e outro sobre creación e xestión de microempresas. Os dous primeiros desenvolveranse na recentemente homologada Escola Obradoiro Luís Seoane de Alxán. No caso do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, as clases comezarán o 3 de xullo até o 27 de novembro en horario de 08:30 a 14:30, até completar as 618 horas totais das que se compón este ciclo que conta co Certificado de profesionalidade de Nivel 2. Para acceder a unha das 15 prazas dispoñibles é necesario contar cunha titulación académica equivalente ou superior ao certificado ESO. A proba de selección realizarase o mércores 25 de xuño ás 12:00 na Escola Obradoiro Luís Seoane de Alxán.
O segundo curso que se impartirá en Alxán trata sobre a Atención a Persoas Dependentes en Institucións Sociais. As 468 horas lectivas que compoñen este ciclo desenvolveranse desde o 16 de xullo até o 27 de novembro en horario de 15:30 a 20:30 horas. Ao igual que o anterior, conta cun Certificado de profesionalidade de Nivel 2 e uns requisitos académicos iguais ou superiores ao certificado da ESO. Neste caso a proba de selección para outorgar as 15 prazas vacantes aínda está por determinar.
Os outros dous cursos concedidos terán lugar no edificio Multiusos de Arcade. O primeiro e o máis extenso deles, de 818 horas de duración total, é o de Actividades Administrativas na Relación co Cliente. As clases comezarán o 2 de xullo até o 11 de decembro en horario de 08:00 a 15:15 horas. Conta cun Certificado de profesionalidade de Nivel 2 e uns requisitos académicos de acceso coa ESO como titulación mínima para optar a unha das 15 prazas dispoñibles. A proba de selección para este ciclo celebrarase o mércores 25 ás 09:00 horas no edificio Multiusos de Arcade.
Para finalizar está o curso de Creación e xestión de Microempresas de 538 horas de duración. Dará comezo o 10 de xullo e finalizará o 27 de novembro. As clases impartiranse no edificio Multiusos de Arcade en horario de 16:00 a 21:30 horas. O nivel académico mínimo esixido será equivalente ou superior a BUP. Tamén conta con 15 prazas dispoñibles e a proba de selección aínda está por determinar.
A pesar de ser cursos dirixidos principalmente á poboación desempregada, é importante sinalar que de non cubrirse as 60 vacantes ofertadas existe a posibilidade de que o 25% destas prazas poidan ocuparse por aqueles interesados que estean a traballar actualmente. Estas persoas deberán dirixirse ás oficinas da Casa do Concello de Soutomaior para realizar a súa inscrición e achegar a documentación necesaria.
O alcalde de Soutomaior, Agustión Reguera, subliñou que “moi poucos Concellos teñen a sorte de contar con tantos cursos de formación” atribuíndo esta situación ao gran traballo realizado polo consistorio local xa que “tamén somos dos poucos que conseguimos homologar dous centros para impartir estes cursos”.
Inscricións
Os interesados e interesadas en participar simplemente deben presentarse no lugar das probas de selección á hora indicada. É importante achegar unha copia da titulación mínima para cada curso, normalmente o certificado de obtención da ESO, ou a que puidesen achegar sempre que sexa superior ao graduado escolar. Os traballadores que desexen participar nalgún dos ciclos por si quedasen prazas vacantes deberán comunicalo previamente nas oficinas da Casa do Concello de Soutomaior. Para máis información pódense achegar a devanditas oficinas ou ben a través dos números de teléfono 986 705 106 ou 986 705 114 á atención de Cynthia.











