Sotelo e o Xefe de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra reúnense cos veciños de Coiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+
Sotelo na reunión cos veciños de Coiro

Sotelo na reunión cos veciños de Coiro

O alcalde de Cangas José Enrique Sotelo e o Xefe de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra Manuel González Juanatey reuníronse este mércores no Salón de Plenos do concello cos veciños e veciñas afectados polas obras de urbanización da Avenida de Lugo-Boubeta.

Durante o encontro informaron aos asistentes sobre o estado do proxecto, que ten como obxectivo o acondicionamento do vieiro que vai dende a avenida de Lugo ata a zona de Boubeta, concretamente ata o cruce do Espírito Santo. Deste xeito “cumprimos o compromiso de facer unha xuntanza” sinalou o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo a vez que informou que o Concello de Cangas xa realizou a súa achega económica correspondente ao 2014 que ascende a 100.000 euros. Sotelo tamén informou aos veciños e veciñas sobre o proceso de licitación desta obra que supón unha inversión de 1.310.689,96 euros que na súa maioría serán aportados pola Deputación de Pontevedra. “Foron presentadas 32 ofertas das cales 5 foron eliminadas” explicou pola súa banda González Juanatey, “agora mesmo están na fase de valoración técnica, agora mesmo xa hai valoradas 14 propostas, estimamos rematar a próxima semana trala que a mesa de contratación abordará a valoración económica polo que antes do 20 de xullo xa estará adxudicada” relatou.

Sotelo sinalou que “a execución desta obra é fundamental non só para a parroquia senón que tamén para Cangas” á vez que reiterou que a realización desta obra “xa non ten volta atrás”.

Por outra banda chegouse ao acordo de que o martes da próxima semana a partir das 17.00 horas o Xefe de Infraestruturas da Deputación acudirá as zonas afectas acompañado polo topógrafo para resolver aos propietarios dos terreos todas ás dúbidas que xurdan sobre a obra prolongándose ata o mércores se fose necesario. González Juanatey tamén adiantou que vaise a proceder en verán a realizar un estudo sobre a densidade de tráfico “co obxectivo de establecer as medidas de seguridade necesarias en canto sinalización seguindo a Lei de Estradas” explicou. “A obra propiamente dita comezará a principios de setembro e o tempo de execución o coñeceremos con seguridade cando remate o proceso de licitación” engadiu.

As actuacións a realizar consisten na ampliación da estrada para dar cabida a dous carrís

de circulación de dobre sentido, a dotación de beirarrúas por ambos lados da estrada, a habilitación de prazas de aparcamento onde o espazo o permita e a reposición de servizos coma o saneamento, abastecemento, pluviais e electricidade soterrada.

25 de xuño de 2014 | 20:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.