Sorteo das 52 vivendas de promoción pública que a Xunta está a construír en Covadonga
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, realizou hoxe o sorteo para adxudicación de 52 vivendas que está a construír no barrio de Covadonga, na cidade de Ourense. O sorteo realizouse entre os inscritos ou anotados no Rexistro de Demandantes á data 21 de xuño de 2014 elaborándose unha lista de adxudicatarios e outra de reserva para o caso de que entre os primeiros se produzan vacantes.
O sorteo realizouse en dous cupos. Dunha parte 50 vivendas do cupo normal e por outra dúas do cupo de vivendas adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.
No primeiro caso resultou unha lista de 50 adxudicatarios e lista de reserva de 100 persoas e no segundo a lista de adxudicatarios é de dúas persoas e a de reserva de outras dúas.
As listas exporanse nos tabolerios de anuncios do Concello e o IGVS e na web do IGVS, abríndose un prazo para a presentación de reclamacións por parte dos interesados.
As vivendas adxudicaranse en compravenda ou arrendamento. É obrigatoria a adxudicación en réxime de alugueiro cando os ingresos ponderados non superan 1,5 veces o Iprem.
Características da promoción
Trátase dunha promoción de 52 vivendas de promoción pública distribuídas en dous bloques sobre unha planta corrida baixo rasante dedicada a rochos e garaxes con acceso común. As edificacións teñen 5 plantas en altura sobre rasante (B+IV).
• 52 vivendas, con superficie útil entre 62,03 e 78,88 metros cadrados.
o 24 vivendas de 2 dormitorios
o 22 vivendas de 3 dormitorios (dúas adaptadas para o uso por persoas con mobilidade reducida.
o 6 vivendas de 4 dormitorios.
• 65 prazas de garaxe.
• 52 rochos.
• 1 local e dependencias parroquiais para cesión ao Bispado de Ourense (que cedeu o solar para a construción a cambio de ditos locais), superficie útil total de locais de 744,32 m2 e superficie total construída de 862,60 m2.
Memoria construtiva
Pechamentos: Os cerramentos exteriores son fachadas ventiladas, con acabado de paneis de chapa minionda de aluminio.
Cuberta: Cuberta plana transitable, con acabado de impermeabilización e protección das mesma.
Carpintería: Exterior de aluminio lacado con rotura de ponte térmica, e acristalada con dobre vidro, e protección solar mediante viseiras fixas horizontais e verticais. Interior de madeira vernizada.
Instalacións
• Auga e saneamento.
• Electricidade.
• Protección contra incendios.
• Antena individual
• Calefacción e auga quente mediante caldeiras comunitarias a gas e aporte de auga quente solar.
• Extracción mecánica.
• Sistema de recollida de augas grises para uso de rego das zonas verdes.
Revestimentos interiores
Solos: baldosa de gres en tendais, baños, corredores, salón e cociñas; pavimento sintético con fibra de madeira tipo Viroc no resto das pezas.
Paredes: azulexado ata o teito en baños, tendais e cociñas. Pintura plástica nas restantes pezas.
Actualmente as obras están executadas nun 77 por cento. O investimento total previsto, incluídas as obras de urbanización do entorno, é de 7,3 millóns de euros.











