Sométense á inspección anual os 40 taxis con licencia que operan en Vilagarcía
O Concello convocou aos 40 taxistas que operan en Vilagarcía para someter á inspección anual os vehículos cos que prestan o servizo de transporte público de viaxeiros. A Policía Local encárgase entre hoxe e mañá de comprobar dende a documentación do vehículo e a do condutor, ata aspectos relativos á seguridade, medios de cobro e comodidade para o usuario. O obxectivo é garantir a mellor prestación do servizo e o cumprimento da lexislación vixente.
A inspección anual realízase conforme ao Regulamento Municipal dos Servizos Urbanos de Transportes en Automóbiles Lixeiros. A Policía levanta acta da inspección a efectos de certificar que o taxi ten todo en orde ou de sinalar aqueles aspectos que non cumpren todos os requisitos. Neste último caso, dáselle ao taxista un prazo para solventar as incidencias detectadas e, posteriormente, para acreditalo ante a Policía.
A inspección contempla varios apartados. Ademais de identificar correctamente a licencia municipal concedida e si se corresponde co vehículo para o cal se lle concedeu, tamén se comproban os datos do titular e condutor habilitado para realizar o servizo.
En relación á documentación, ademais da licencia revísase a ficha de características técnicas e o permiso de circulación do vehículo; as placas interiores co número de licencia, matrícula e prazas; a tarxeta de transportes; si o coche pasou a ITV e a póliza de seguro coas coberturas legais obrigatorias para os taxis. Tamén se comproba se está en regra o carné de conducir do taxista.
No apartado de mecanismos e elementos do vehículo, a inspección repara en aspectos como a iluminación interior, a existencia e estado do extintor, o funcionamento do aparato de radio, que teña taxímetro homologado e precintado para evitar a súa manipulación e que estea en vigor a revisión metrolóxica do aparato. Tamén se revisan o funcionamento da luz verde de servizo, as características da rotulación de escudos, a existencia de placas normativizadas e, si leva propaganda, debe presentarse o preceptivo permiso municipal.
En en relación ás condicións para a prestación do servizo de cara ao usuario, a inspección repara na obrigatoriedade do autopatrono a levar no taxi copias do regulamento municipal relativo aos taxis, rueiro do municipio, impreso coas tarifas vixentes, talonario de recibos autorizado polo Concello, libro de reclamacións e cartel de prohibición de fumar visible. Ademais revísase o estado de limpeza e conservación do vehículo.











