publicidade hoxe

Sober edita unha guía cos principais reclamos turísticos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober vén de editar unha guía informativa na que se recollen os principais reclamos turísticos do municipio. A primeira tirada foi de 5.000 copias que estarán dispoñibles gratuitamente nas oficinas de turismo da localidade, de toda a comarca, así como no propio Consistorio.

A publicación faise eco dos principais eventos festivos da localidade, como son a Feira do Viño de Amandi, a Feira da Rosca e a Romaría de Cadeiras. Tamén traza un percorrido pola historia da olería de Gundivós, unha das catro tradicionais que persisten en Galicia.

Amais das festas, a guía turística de 2014 incorpora un apartado de rutas turísticas, 8 en concreto: a ruta dos miradoiros, a Aba Sacra, a Doade-Augasmestas, a Sur do Camiño a Santiago, a dos viñedos da Ribeira Sacra, a do románico rural, a dos muíños do Xábrega e a ruta da viticultura heroica. Proporcionase información sobre a lonxitude, a duración e a dificultade de cada unha delas.

Achégase ademais un listado cos aloxamentos, os restaurantes e os mesóns e cantinas que o turista pode atopar na súa visita a Sober, así como un listado de teléfonos de interese.

Por último, a guía conta cun amplo mapa do Concello no que se indican os lugares nos que están ubicadas as 36 adegas que ten Sober. Tamén se sitúan os miradoiros, os embarcadoiros, os castros, os petroglifos, a olería de Gundivós e o románico rural.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca a utilidade que esta publicación terá para todos os que se acheguen a localidade. “Esta guía permitiralles a todos cantos nos visiten facer un percorrido polos encantos deste Concello encravado na Ribeira Sacra e descubrir os nosos valores naturais, a nosa cultura, o noso patrimonio e todo canto temos para ofertar”, resume.

16 de xuño de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.