Simulacro de emerxencias nas industrias químicas na planta de Reganosa
A Xunta realizou hoxe pola mañá un simulacro de emerxencia nos establecementos implicados no Plan de Emerxencia Exterior (PEE) do Polígono Punta Promontorio (Mugardos), que inclúe as empresas Reganosa, Forestal do Atlántico e Imegasa.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda asistiu hoxe ao simulacro onde destacou a importancia que teñen este tipo de exercicios para a coordinación e concienciación do persoal das empresas e dos propios cidadáns e veciños de como proceder en caso de que algún día poida ocorrer un accidente, por iso incidiu na importancia da prevención e de levar a cabo estes simulacros que serven para poder anticiparnos a calquera emerxencia que poida pasar.
O goberno galego, segundo indicou Rueda considera que a mellor resposta ante unha situación de emerxencia é aquela que se da antes de que se produza, polo que a mellor resposta ante as emerxencias é a prevención, e estar implicados e preparados para facer fronte ante as emerxencias.
Durante o simulacro activáronse as sirenas que dan aviso á poboación en caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior e que se chega a ser o caso dunha activación real actuarían como elemento de aviso á poboación, xa que un dos obxectivos prioritarios do exercicio é que a poboación da zona de Mugardos se familiarice cos sons das sirenas e sexa capaz de identificalos no caso hipotético de activación das emerxencias.
A realización dos simulacros permite a implantación efectiva dos Plans de Emerxencias Exterior e a súa mellora, a través das leccións aprendidas no desenvolvemento dos mesmos. Estes Plans teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e dispoñer da resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poda afectar ás persoas e ó medio ambiente. Neles, establécense medidas idóneas de protección a poboación, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir.
Este é o terceiro simulacro dun plan de emerxencia por accidente nunha industria química, dende que en 2013 a Xunta apostara por esta importante liña de actuación
No simulacro participaron persoal das empresas, os bombeiros do concello de Ferrol, os Bombeiros Consorcio Provincial da Coruña, GES Mugardos, Garda Civil, Policia Autonómica, Policia Local Mugardos, AVPC Mugardos, PMA Axega, 061 e 112 Galicia.