Shakira e Andrea Bocelli entre os cantantes preferidos polos veciños de Soutomaior no concurso local de karaoke
Até 30 veciños subiranse ao escenario este sábado no III Concurso de Karaoke organizado polo Concello de Soutomaior. Un total de 24 actuacións entre as que destacan varias cancións de Shakira e Andrea Bocelli, os máis elixidos polos participantes. A competición comezará o sábado 5 de xullo ás 22:30 no edificio Multiusos de Arcade e contará cun xurado composto por seis membros cunha dilatada experiencia no mundo da música e o espectáculo.
A competición vocal dará comezo coa categoría infantil, que comprende nenos e nenas desde os 6 aos 11 anos, na que catro solistas e tres parellas interpretarán temas como o soado “Wakawaka” de Shakira, “Ave María” de David Bisbal, “Aprendiz” de Malú ou “Undo”, a canción interpretada na final de Eurovisión deste ano pola cantante sueca SannaNielsen.
A categoría Xuvenil destaca pola dificultade dalgúns dos temas escollidos como o “Por ti volar” de Andrea Bocelli ademais de pola súa combinación de temas clásicos e modernos, como o “Heartbreak Hotel” de Elvis Presley, “Devuelveme a mi chica” de Hombres G, “Sueños Rotos” de La quinta estación ou todo un clásico destas competicións, “Olvídame y pega la vuelta” de Pimpinela. Do mesmo xeito que na sección anterior, participarán catro cantantes solistas e tres parellas.
O festival concluirá coa competición de adultos. Dez veciños divididos en dúas parellas e seis solistas deleitarán aos asistentes con temas como “Vivo per lei” de Andrea Bocelli, “Pena penita pena” de Lola Flores, “El universo sobre mi” de Amaral ou o lembrado “Con los años que me quedan” de Gloria Estefan.
Cada categoría conta con tres premios, á mellor voz, a mellor interpretación e á mellor caracterización, tanto para as actuacións en solitario como as de parella. Para que os beneficios deste certame nótense tamén na economía local o Concello decidiu pór en marcha un sistema de premios especial. Os vencedores de cada modalidade recibirán un vale que só se poderá trocar en comercios do Concello de Soutomaior.











