Sete obradoiros artesáns participan nunha mostra en Santiago na que ver e mercar o seu traballo

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e a Asociación Galega de Artesáns, organizan desde hoxe e ata o domingo unha mostra de artesanía en Santiago na que exhibirán e venderán os seus produtos sete obradoiros artesáns de oficios como a xoiería, a bixutería, a marroquinería, o téxtil e a cerería.

Esta feira, que se desenvolve en Área Central, ten por obxectivo contribuír a mellorar a comercialización do produto artesán feito na nosa comunidade e servir de vía de promoción do traballo dos creadores amparados na marca Artesanía de Galicia.

Os sete obradoiros que participan nesta mostra son: a colareira do Grove (Pontevedra), Montse Betanzos; o obradoiro Mestura de Kores, de Vigo (Pontevedra) e Rappa, de Lugo, con marroquinería; Adanegra, da Guarda (Pontevedra), con téxtil; Zimzelatum, de Gondomar (Pontevedra) e Areladefe, de Oia (Pontevedra) con xoiería; e o Obradoiro A Candelaria, de Negreira (A Coruña), con cerería.

A iniciativa enmárcase dentro do V Festival de Patchwork en Galicia organizado por Centón – Asociación Galega de Patchwork, un encontro que conta coa participación de 24 profesionais do centón e en cuxo programa se inclúen demostracións deste oficio, charlas e talleres.

6 de xuño de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.