Santiago acolle un seminario técnico do proxecto Symbios para debater sobre o problema demográfico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, inaugurou hoxe en Santiago o segundo seminario técnico do proxecto Symbios que se está a centrar no debate de iniciativas a favor duns territorios intelixentes, sustentables e inclusivos.

Os desequilibrios territoriais provocados pola crise demográfica, o envellecemento da poboación e a concentración desta nas grandes cidades inciden na calidade de vida das persoas que habitan nas zonas rurais afectadas, un aspecto que debe ser tido en conta polas administracións públicas de cara á prestación dos distintos servizos.

Debater estas cuestións e procurar novos enfoques para estes desafíos é un dos obxectivos do proxecto Symbios do que forma parte a Xunta. Tamén persegue facilitar a xeración de ideas, impulsar a innovación e a creatividade, así como enfrontar e deconstruír estereotipos e asuncións comúns.

Ademais da Xunta de Galicia, tamén colaboran nel outras entidades galegas como o Instituto de Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); o Instituto Galego de Estatística (IGE); a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER); o colexio de Traballo Social de Galicia; e a rede de centros de desenvolvemento rural (COCEDER). Tamén forman parte activa do proxecto o Consello Rexional de Carelia do Norte de Finlandia, a Universidade de Tràs-os-Montes e Alto Douro de Portugal, a Universidade Zuyd de Ciencias Aplicadas de Holanda e o University College Cork de Irlanda.

González destacou que esta iniciativa inscríbese no traballo que está a realizar o Goberno galego para facer fronte á crise demográfica. Para avanzar nesta liña, a Xunta impulsou o Plan de dinamización demográfica 2013-2016, horizonte 2020, que foi aprobado no Parlamento de Galicia o pasado mes de abril.

Esta estratexia pioneira conta con 69 medidas específicas para dinamizar a demografía galega. Dentro destas actuacións, poderíanse destacar cinco, por ser as máis novidosas e que suporán un beneficio directo anual para máis de 70.000 familias galegas: o incremento das axudas fiscais, as casas niño, o servizo de axuda no fogar para a infancia, as axudas ao acceso á vivenda, e as bonificacións no transporte público.

Así mesmo, a directora xeral de Familia destacou que Galicia forma parte dunha rede de varias comunidades autónomas (xunto con Asturias, Aragón, Castela e León, Estremadura e Castela-A-Mancha) que están a demandar e promover un Pacto de Estado pola demografía, que conte coa implicación de todas as forzas políticas e institucións do país. Sinalou que o obxectivo desta actuación é poñer en común ferramentas para garantir a viabilidade do sistema de benestar e previr as consecuencias dos desequilibrios territoriais na calidade de vida das persoas.

Por último, González sinalou que a inclusión dos territorios, como parte da abordaxe da exclusión territorial, constituirá un eixo vertebrador da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020.

Contido do seminario

O obxectivo deste segundo seminario é analizar diferentes experiencias que están a dar resposta á inclusión e á calidade de vida en zonas afectadas pola crise demográfica. Trátase de identificar tendencias comúns e establecer hipóteses de traballo sobre cales son as condicións para o éxito destas iniciativas.

O seminario conta con espazos de participación activa e contará coa experiencia dos socios internacionais do proxecto Symbios, como, por exemplo, os relatorios desta tarde que correrán a cargo de Maja Rocak, investigadora da Universidade de Neimed-Cersrt-Zuyd (Holanda); Risto Poutiainen, director de planificación rexional e desenvolvemento de Carelia do Norte (Finlandia); Patrick O´Flanagan, University College Cork (Irlanda). Tamén intervirá esta tarde Carlos Ferrás, experto da Universidade de Santiago.

No I seminario técnico, celebrado en Santiago en 2013, abordouse a cuestión do cambio demográfico e as súas consecuencias desde un enfoque cun marcado carácter académico. Centráronse, así, os conceptos e liñas definitorias clave tanto na identificación do problema, como no que pode ser a súa abordaxe.

19 de xuño de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.