Sanidade anima a participar no programa de prevención do cancro de mama á poboación diana da Coruña
Sanidade anima a todas as mulleres entre 50 e 69 anos a que participen no Programa de detección precoz de cancro de mama. Así o declarou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, na súa visita as instalacións da nova unidade de exploración mamográfica do Hospital Abente y Lago. Deste xeito, continúase co Plan estratéxico de mellora da rede de Unidades de exploración do Programa Galego de detección precoz de cancro de mama.
A provincia da Coruña conta cunha taxa de participación do 80,54%, por debaixo do resto das provincias da Comunidade Autónoma, aínda que se sitúa por riba dos límites establecidos polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en cribado mamográfico.
Ademais, durante o 2013, exploráronse a 50.010 mulleres, das que un 3,88% foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo. Ademais, detectáronse precozmente 151 cancros de mama o que permitiu comezar antes co tratamento e, polo tanto, poder acadar unha mellor eficacia no mesmo.
Neste senso, Mosquera resaltou a importancia da realización destas probas, xa que a mamografía é a proba “máis útil e accesible para realizar a detección dun tumor de mama antes de que se manifeste clínicamente”, e recordou que esta patoloxía é o cancro máis frecuente entre as mulleres.
Neste senso, a supervivencia está intimamente ligada ao estadío do diagnóstico. Así, máis do 93% dos cancros diagnostícanse en estadíos 0, I e II, nos que a supervivencia os 5 anos supera o 97%. Ademais, a supervivencia das mulleres diagnosticadas polo programa é superior á das mulleres diagnosticadas fóra deste.
Esta nova unidade, que substitúe á que se estaba a usar ata a actualidade, comezou as exploracións o día 3 de xuño e está a funcionar de luns a venres en xornada de mañá e tarde.
Comezo das exploracións no Hospital Virxe da Xunqueira
As exploracións no Hospital Virxe da Xunqueira comezarán o próximo 18 de xuño, durante 8 meses en xornada de tarde. Neste centro exploráronse o ano pasado a 5.678 mulleres, o que supón unha taxa de participación do 87,92%.











