San Sadurniño ofrecerá un curso de renovación do CAP para transportistas e profesionais da condución en paro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Para traballar conducindo ou como transportista é necesario ter o permiso correspondente e, ademais, estar en posesión do carné de aptitude profesional, máis coñecido como CAP. O carné obtense mediante exame e acredita a cualificación das persoas que levan camións ou autobuses. Porén, cada cinco anos hai que pasar un curso para renovalo. O Concello e a autoescola Copasán están organizando para agosto este curso de formación continua e dirixido a persoas desempregadas.

Esta acción formativa terá unha duración de 35 horas, e a el poderán acceder persoas que sacasen o permiso C antes do 11 de setembro de 2009, quen obtivese o D antes do 11 de setembro de 2008 ou quen tivesen realizado unha primeira renovación e que estea próxima a caducar. 

Desenvolverase os días 20, 21, 25, 26 e 27 de agosto entre as 15 e as 21 horas. O custo é de 270 euros e haberá que formalizar a inscrición na Oficina de orientación laboral. Haberá que aboar 50 euros en concepto de reserva que se descontarán do prezo total do curso. 

Para cubrir o curso seguirase a orde de inscrición, aínda que terán prioridade as persoas de San Sadurniño -transportistas en profesionais do volante cun número de DNI que remate en 7 ou 8-. Daráselle entrada a condutores e condutoras doutros municipios só se houbese vacantes. Hai un total de 20 prazas e para levar adiante o curso farán falla un mínimo de 15 inscricións.

Á hora de apuntarse cómpre presentar o DNI, a tarxeta de demandante de emprego e o CAP no caso de segunda renovación. O prazo estará aberto do 1 ao 21 de xullo.

25 de xuño de 2014 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.