San Sadurniño ofrece clases de inglés para estudantes no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Chegan as vacacións. Entre a mocidade hai quen aproveita para non facer absolutamente nada e tamén hai quen quere tirar o máximo partido de tanto tempo libre. Deporte, praia, festa, amigos… milleiros de opcións ás que agora, ademais, se lles une en San Sadurniño a práctica do inglés. E é que durante xullo e agosto o Concello organiza un curso para mellorar as competencias lingüísticas neste idioma. Vai dirixido a alumnado do segundo ciclo da ESO -3º e 4º- ou de cursos superiores e fará falla xuntar un mínimo de 6 persoas para levalo a cabo. As inscricións poderán facerse desde o 16 ata o 26 de xuño na Oficina de Orientación Laboral.

O curso estará dividido en dous grupos dependendo do nivel de estudos. Así, o grupo da ESO tería clase os martes e xoves entre as 11.30 e as 13.30 h., mentres que o grupo de bacharelato e niveis superiores iría no mesmo horario os mércores e venres.

As sesións serán completamente prácticas, xa que o obxectivo é mellorar a comunicación oral en inglés. Por iso se traballará a consolidación de estruturas básicas, a axilidade verbal, o adestramento do oído para unha mellor comprensión e, por último, o aumento do vocabulario xeral e daquel que se emprega nas situacións máis habituais.

Esta acción formativa arrancará o 1 de xullo e finalizará o 29 de agosto. O prezo será de 48 euros ao mes. Para apuntarse haberá que pasar pola Oficina de Orientación laboral entre o 16 e o 26 de xuño. Unha vez aberto o prazo cómpre non demorarse demasiado, xa que e só se ofrecen 15 prazas por cada grupo -30 en total- con preferenza na inscrición para o alumnado de San Sadurniño. Iso si, se quedan vacantes abrirase a posibilidade de que asistan rapaces e rapazas doutros concellos.

O curso de inglés para estudantes forma parte do programa de aprendizaxe lingüística do Concello, que este ano ofertou cursos de conversa informal en inglés e os preparatorios para a proba do nivel B1 da Escola Oficial de Idiomas. No programa tamén se ofertou a formación para a obtención do CELGA 4 así como cursos de introdución ao alemán e o chinés. Nestas actividades participaron un total de 70 persoas.

10 de xuño de 2014 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.