San Sadurniño inicia unha nova etapa no edificio do Pazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Julia Bouza converteuse sen sabelo pouco despois das 9.30h na primeira usuaria da nova Casa do Concello de San Sadurniño, que esta mañá abriu as súas portas no edificio do Pazo da Marquesa. Esta veciña do lugar de Cornide presentou a comunicación para facer unha cacharela esta noite, o que quedará rexistrado como o primeiro trámite nas dependencias estreadas hoxe. Mentres, detrás do mostrador e nas oficinas, aínda continuaba a tarefa de poñer a andar o Concello nun inmoble no que se investiron máis de 600.000 euros nos últimos tres anos.

O persoal municipal tamén se afacía ao que será a partir de hoxe o seu lugar de traballo. Desde as 8 da mañá os corredores do Pazo enchéronse de actividade para acomodar expedientes, conectar ordenadores e, sobre todo, irse acostumando a saber onde está cada cousa. 

Nas primeiras horas houbo poucas incidencias. Só un problema eléctrico co sistema de alimentación continuo do sistema informático e, quizais a máis importante, o retraso de Telefónica en habilitar a comunicación na centraliña do Pazo, que a media mañá aínda tiña o Concello sen teléfono. O alcalde indicou que a posta en marcha “está indo segundo as previsións” e mostrou a súa confianza en que os contratempos cos que xa se contaba queden solucionados “entre hoxe e mañá”. 

De feito, ademais dos traballadores e traballadoras dos distintos servizos, no Pazo haberá un dispositivo provisional formado por un técnico informático, un carpinteiro e un electricista, encargados de ir pulindo todo o que poida aparecer nos primeiros compases dunha administración que, na práctica, é coma se partise desde cero. A este respecto, desde o Concello pídeselle á cidadanía paciencia e comprensión por se nestes días se producen retrasos á hora de facer calquera xestión.

Secundino García expresou a súa satisfacción polo cambio: “é a culminación dun traballo iniciado hai varios anos, nun edificio cun grande valor histórico e simbólico. Agora pasa a ser a nova casa do pobo, queremos que se convirta na casa de todos e todas e que o sexa durante moitos anos”, dixo García. 

As obras comezaron en abril de 2011, tan só cinco meses despois de que San Sadurniño se fixese coa propiedade do edificio xestionado durante anos por unha fundación relixiosa. O investimento total no inmoble -sen contar o edificio anexo nin os xardíns- supera os 600.000 euros, sufragados con fondos provinciais e, principalmente, cun convenio  de medio millón de euros asinado ese mesmo ano co Ministerio de Cultura. A este respecto, o rexedor local criticou “a nula colaboración da Xunta de Galicia” que, segundo asegurou, “non axudou en nada no proxecto malia terllo solicitado formalmente nos últimos anos”.

O edificio bota a andar “sen placas inaugurais nin cortes de cinta”, que se substituirán por unha xornada de portas abertas o día 2 de xullo -festividade local- na que se prevé organizar un sinxelo acto institucional aberto á cidadanía e ao que o Concello convidará as administracións que dun xeito ou outro participaron no proxecto.

Exposición na galería

A nova casa consistorial posúe, ademais, un novo espazo expositivo. A galería acristalada do primeiro andar é desde hoxe unha sala á que se lle quere dar vida coa organización de pequenos actos e mostras. 

A primeira delas é unha exposición de cadros do pintor lugués Manolo Carballeira. Un especialista en paisaxes que reuniu no Pazo máis dunha ducia de obras. A maior parte delas son óleos que, nalgúns casos, reflicten paisaxes de San Sadurniño. A mostra poderá visitarse durante as próximas semanas.

23 de xuño de 2014 | 13:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.