San Sadurniño estreará nova Casa do Concello o vindeiro 23 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Pazo está case a punto para acoller as oficinas municipais. Nestes días están facéndose pequenos arranxos que había pendentes e tamén se traballa na configuración do servidor central e da rede de datos do edificio. Todo debe estar listo para o día 23, data oficial de apertura ao público da nova sede e tamén data oficial de peche das antigas oficinas, que se destinarán a outros usos.

Unha das partes máis complexas do cambio é o traslado do equipamento informático, dalgúns mobles que se van reutilizar e, sobre todo, de todos os expedientes e dos documentos gardados no arquivo municipal, moitos deles antigos. Cómpre lembrar que o Concello se fixo coa propiedade da ala leste do convento do Rosario en 1863 e que desde aquela se foron acumulando volumes con centos de actas e milleiros de datos do rexistro civil de grande valor histórico e estatístico. 

A loxística encargóuselle a unha empresa especializada en traslados e xestión documental, que deberá traballar a reo durante a fin de semana do 21 para clasificar, embalar, transportar, desembalar e volver colocar no Pazo todo o material. Dispúxose facelo así para interferir o menos posible no día a día do Concello, de maneira que -se todo vai ben- as oficinas funcionarán normalmente ata o venres 20 na sede antiga e abrirán definitivamente no Pazo o luns 23.

O rexistro, servizos sociais, a arquitecta municipal, secretaría-intervención, tesouraría, a alcaldía, as concellarías, desenvolvemento local, a orientadora laboral… todo estará xa no Pazo ese día. E tamén desde ese día estarán pechadas as oficinas vellas, onde en breve se instalará a Garda Civil.

Durante os primeiros días do Concello no edificio rehabilitado poden producirse algunhas incidencias menores propias da adaptación ao novo emprazamento tanto do persoal como dos sistemas informáticos. Por esta razón desde a administración local pídeselle á cidadanía a máxima comprensión e tamén unha certa dose de paciencia se xorde algún problema á hora de realizar calquera xestión.

Aínda que a nova casa consistorial conta con carteis identificadores de cada servizo, non está de máis repasar como se distribúen. Concéntranse principalmente arredor da galería do primeiro andar: todo o referido a servizos sociais e igualdade vai nas oficinas da zona sur -ao fondo da galería segundo se sobe pola escaleira de toelo-, na parte leste irán o rexistro e os departamentos de secretaría, tesouraría e urbanismo. Na esquina leste/sur vai a alcaldía coa sala de xuntas, mentres que na parte da torre e a zona norte -enriba da porta principal- situaranse as concellarías e desenvolvemento local. No andar inferior están os aseos, o ascensor e unha zona reservada para o persoal municipal. Por outra banda o arquivo encóntrase nun dos laterais do patio interior, igual que o salón de plenos. A oficina de orientación laboral ten espazo ao carón da sala de sesións e con acceso para persoas con mobilidade reducida desde os xardíns.

Acto institucional cadrando coas festas

A apertura oficial da Casa do Concello no que foi Pazo da Marquesa é a culminación de tres longos anos de traballos para recuperar e revitalizar un inmoble cargado de historia e, para moitos, tamén de simbolismo. As obras comezaron en abril de 2011, tan só cinco meses despois de que San Sadurniño se fixese coa propiedade do edificio xestionado durante anos por unha fundación relixiosa. O investimento total supera os 600.000 euros, sufragados con fondos provinciais e, principalmente, cun convenio de medio millón de euros asinado no seu día co Ministerio de Cultura.

O edificio bota a andar sen placas inaugurais nin cortes de cinta, que se substituirán por unha xornada de portas abertas o día 2 de xullo -festividade local- na que se prevé organizar un sinxelo acto institucional aberto á cidadanía.

12 de xuño de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.