San Sadurniño comeza as obras da futura escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As obras no edificio anexo ao Pazo da Marquesa están a pleno rendemento. E máis aínda desde esta semana co comezo dos traballos no interior do inmoble para convertelo nunha escola infantil. Gonnaba Construcciones y Reformas empezou a obra case ao momento de asinar o contrato mediante o que se compromete a tela lista nun prazo máximo de dous meses e por un importe de 108.000 euros.

A escola terá capacidade para atender 40 nenos e nenas nunha superficie útil próxima aos 200 metros cadrados. O centro dividirase en tres grandes aulas -unha para os bebés de 0 a 1 ano, outra para os cativiños de 1 a 2 e unha terceira para os nenos e nenas de 2 a 3 anos- e con espazos de servizo e para o profesorado. Os planos tamén recollen un patio exterior de xogos duns 250 metros cadrados comunicado coa zona de aprendizaxe e lindeiro cos xardíns do Pazo.

Trátase dun servizo que atenderá a demanda de San Sadurniño, pero tamén a de zonas limítrofes como Moeche, Doso ou Pedroso. Para definir o funcionamento da escola, o Concello mantén aberta unha enquisa anónima en internet na que se lles pregunta ás familias polos horarios que mellor lles irían, o tempo en que botarían man deste servizo ou se terían interese en actividades complementarias. 

O Concello recibiu ata o momento unha trintena de cuestionarios cubertos, que se suman ás máis de medio cento de solicitudes de información recollidas polo departamento municipal de educación. A información recabada servirá de base para configurar o modelo de escola que o goberno local quere poñer en marcha ao longo do curso que arranca en setembro.

Obras tamén no exterior
E mentres comezan as obras no interior do edificio anexo, no exterior están xa moi avanzados os traballos de adecentamento do contorno do Pazo. Estes días os albaneis de Guerreiro Somozas están rematando o patio enlousado que une ambos inmobles. 

Está previsto que entre esta semana e a que vén se lle bote unha capa de aglomerado ao aparcadoiro e que se remate a preparación da zona que linda cos xardíns. Todo debe estar a punto para mediados de mes, xa que desde o Concello manéxase a previsión de facer o traslado na semana do 20 de xuño para poder abrir a nova sede municipal a primeiros de xullo como moi tarde.

5 de xuño de 2014 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.