Salomé Beiroa convértese na primeira abonada en renovar abono do Rio Natura Monbus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus xa suma as primeiras renovacións e abonos de cara á tempada que vén. Nesta ocasión foi Salomé Beiroa a afeccionada que máis présa se deu en renovar o seu abono a través da nosa páxina web, o cal recoñece que “foi unha sorpresa, recibida en parte grazas ás vantaxes e comodidade que che dan as xestións telemáticas”. Salomé non dubidou en aproveitar o 5% de desconto que o club ofrece por renovar ou crear un abono antes do 30 de xuño, aínda que asegura que a decisión estaba tomada de moito antes: “Tiña decidido renovar desde que acabou a tempada, pero si ademais pódome beneficiar dun desconto, moito mellor”.

Afeccionada ao baloncesto desde sempre, pero atraída pola volta a Liga Endesa do equipo santiagués en 2009, declara que ir ao Fontes do Sar é moito máis que ir a un partido : “Vas pola ilusión da vitoria, polos faladoiros sobre baloncesto na cafetaría, a respirar o bo ambiente e compartilo coas amizades”. Ademais, residente no Concello de Teo e traballadora do mesmo, é o claro exemplo de que o Rio Natura Monbus traspasa as fronteiras tanto xeográficas como políticas. “Santiago é o centro de atención deportiva cando xoga o equipo. As institucións da cidade e do país deberían ser conscientes e apoiar o deporte de elite, aínda que tamén sabemos todos que os esforzos económicos a día de hoxe son complicados”, afirma.

Da futura campaña, Salomé espera o mellor: “Creo que a nosa meta é a permanencia, como equipo modesto que somos. Sei que nos tocará sufrir nalgúns momentos, pero tamén sei que tanto a nivel deportivo como a nivel técnico todos esforzaranse ao cento por cento”

A Campaña de Abonados posta en marcha,  continua mantendo  os prezos dos abonos familiares, así como os xenerais, e abarátanse en Tribuna 1 e Retráctil. Quen renove o seu asento ou adquira un novo abono antes do 30 de xuño terá un 5% de desconto extra, acumulable a todos os demais descontos. Ademais dese 5% por renovación rápida, os actuais abonados terán un 10% de desconto ou no caso dos accionistas que adquiriron un número de accións superior ao mínimo, un 30%. Tanto abonados como accionistas que traian a un amigo non abonado actualmente, sumarán outro 10% de oferta por iso. Os actuais abonados terán o seu asento reservado até o 15 de xullo, data na que se liberará para a venda si non foi renovado.

12 de xuño de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.