Rueda destaca en Pontevedra a aposta pola innovación para facer competitivas ás empresas galegas
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno galego pola innovación e a internacionalización das empresas galegas, dúas claves para que as empresas saían adiante, poidan medrar e sexan máis fortes de cara ao futuro.
Rueda fixo estas declaracións durante unha visita á empresa Nodosafer en Pontevedra, na que estivo acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, e polo xefe territorial de Economía e Industria de Pontevedra, Ignacio Rial.
O vicepresidente destacou que Nodosafer é un exemplo da importancia que ten a mellora da competitividade das empresas, e de como a aposta na investigación e as novas tecnoloxías é fundamental para situarse nunha posición vantaxosa de cara ao inicio da recuperación da crise económica.
Precisamente para mellorar a competitividade das empresas galegas, a Xunta está a ofrecer varias liñas de axudas, algunhas das cales é beneficiaria a empresa pontevedresa. Así, entre outros dos proxectos dos que forma parte, Rueda destacou o ‘Edificent’, que procura o desenvolvemento dun panel de alta eficiencia enerxética e baixo custo para a rehabilitación de edificios.
Neste proxecto participan catro empresas galegas que viron como a súa iniciativa recibiu unha axuda de case 700.000 euros , máis da metade do seu custo, o que da boa proba da aposta decidida da Xunta por fomentar a innovación, tal e como están a recoñecer desde a Comisión Europea, que validou a nosa estratexia RIS-3 de crecemento intelixente.
O proxecto Edificent enmárcase no programa Conecta PEMES, que subvenciona as agrupacións de empresas pequenas e medianas que colaboran en iniciativas de investigación e desenvolvemento en áreas estratéxicas, como é o caso. Entre as dúas edicións deste programa, estanse a mobilizar un total de 40 millóns de euros incrementando a capacidade cientifico-técnica do tecido empresarial galego e fomentando a colaboración publico-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores.
Outro dos proxectos de innovación nos que se atopa Nodosafer e o “Conforship”, no desenvolvemento dun novo sistema de conformado técnico automático para estruturas navais que permitirá a obtención de chapas de curvatura complexa e que conta cunha importante subvención do Ministerio de Economía e Competitividade dentro do programa Feder Innterconecta que financia proxectos de investigación de empresas situadas en rexións de converxencia, coma é o caso da nosa comunidade e no que colabora a Axencia Galega de Innovación. A maiores, dentro deste programa tamén participa nun proxecto para a produción de enerxía eléctrica con placas de SI-UMG e outro proxecto F-SHIP para o desenvolvemento de solucións avanzadas de soldadura por fricción batida para o sector naval.











