Rubén Blanco presenta en Mos o Campus do Celta do que é padriño

Presentación do Campus Celta en Mos
Esta mañá realizouse a presentación do Campus de Verán Celta de Vigo-Concello de Mos, que tamén deu comezo hoxe. Á presentación asistiron a alcaldesa mosense Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas; Germán Arteta, Director da Fundación Celta de Vigo, Rubén Blanco, porteiro mosense do Celta e padriño do Campus, Patricio Farrapeira, presidente do Club Louro Tameiga, -equipo con sede no Campo de Fútbol de Cototorrón no que se celebra o Campus-, Pablo Serodio, presidente da Unión Deportiva Mos, María del Carmen Pereira García, presidenta do Club Deportivo Alerta, Ricardo Lorenzo, presidente do Club Deportivo de Louredo e varios outros concelleiros membros da Corporación Municipal mosense.
Uns 60 cativos mosenses con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos serán os que participen dende hoxe e ata o venres 27 de xuño no Campus de Fútbol Celta de Vigo-Concello de Mos. Este Campus, apadriñado, tal e como xa se dixo, polo xogador céltico natural da parroquia mosense de Guizán, Rubén Blanco, impartirase durante un total de cinco días en horario matinal de 10.00 horas a 14.00 horas.
Os nenos e nenas participantes no Campus serán agasallados cunha equipaxe cada un e realizarán visitas guiadas ó Campo de Fútbol de Balaídos así coma ó Museo do Real Club Celta de Vigo.











