Ribadumia abre o domingo a Piscina Municipal de Cabanelas
O Concello de Ribadumia inaugura este domingo a tempada de verán na piscina municipal de Cabanelas, co obxectivo de ofrecer un lugar de ocio e de recreo ós veciños do concello durante a época estival e de congregar a numerosos usuarios. O horario durante todo o verán será de luns a domingo, de 15:00 a 21:00 horas. Ata xullo, o acceso ás instalación será libre para todos os usuarios. Con esta medida, desde o Concello de Ribadumia preténdese celebrar o inicio da tempada estival da piscina.
A seguridade dos bañistas e a calidade no servizo e da auga son os obxectivos co que o Concello veu preparando esta campaña, que contará coa atención de dous socorristas con experiencia en salvamento acuático. A piscina de Cabanelas ábrese esta semana despois de que os operarios municipais acondicionasen todo o recinto e logo de pasar satisfactoriamente a inspección de sanidade e o análise da calidade da auga.
Cada verán o entorno de Cabanelas convértese no lugar escollido polas familias para pasar o tempo libre, xa que combina as instalacións deportivas –dúas piscinas, cambiadores, xogos infantís e céspede- coa beleza paisaxística do río Umia, o merendeiro e o parque infantil.
No que respecta aos bonos para a piscina municipal, o Concello de Ribadumia xa expediu preto de cen carnés, que poden seguir solicitándose nas oficinas municipais. O bono está subvencionado para as persoas empadroadas no concello, que abonarán 1 euro para todo o verán. No caso das entradas diarias á piscina, as tarifas oscilan entre 1,5 euros para os nenos e 3 euros para os adultos. Estas tarifas serán efectivas a partir de principios de xullo. Durante esta semana, o acceso é gratuíto para todos os usuarios.











