Reyes Leis defende a normalidade no traballo do Concello de Santiago
A tenente de alcalde do Concello de Santiago, Reyes Leis, defendeu a “normalidade” coa que traballa o goberno que aínda dirixe Ángel Currás á espera de que a xunta electoral remita as actas dos novos edís que integrarán o equipo de Agustín Hernández e que aínda non chegaron ao Pazo de Raxoi.
“Lévoo ben”, sinalou, a preguntas dos xornalistas, nunha rolda de prensa na que incidiu en que, malia a concentración das áreas de xestión, o goberno local “funciona” e aludiu á reunión que mantivo este luns con técnicos de Educación, Urbanismo e da Brigada de Vías e Obras para coordinar obras urxentes en colexios.
Leis asegurou que Hernández aínda non lles concretou a repartición de áreas do novo goberno, na “legalidade” do cal se reafirmou.
Así, asegurou non sentir “ningún temor” ante os recursos avanzados por PSdeG e BNG en relación á conformación do equipo de Hernández por parte dunha maioría de concelleiros non electos.
“O que nos gustaría é que a oposición fose responsable e axudase a que a tranquilidade chegase ao Concello”, subliñou, convencida de que aos veciños da cidade “non lles importa” se a maioría de edís “son electos ou non”, senón que se solucionen as súas necesidades. “Ese debate só está nos grupos da oposición”, resolveu.











