Rey Varela supervisa as obras nas rúas Río Xubia, Fontemoura e Herbosa en San Xoán
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, supervisou esta mañá o avance das obras de reurbanización integral das rúas Río Xubia, Fontemoura e Illa Herbosa, situadas no barrio de San Xoán. O primeiro edil da cidade estivo acompañado da voceira do Goberno Municipal e concelleira de Participación Cidadá, Martina Aneiros Barros; e do edil de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz. Jose Manuel Rey percorreu as rúas xunto con representantes da entidade veciñal.
O rexedor municipal recordou o estado de abandono e de nula conservación que presentaban os viarios dende hai anos “cunha pavimentación irregular, con fochancas e deterioros superficiais moi acusados”. Esta actuación responde a unha demanda veciñal histórica e recollida nos compromisos asumidos polo alcalde durante o Plan de Barrios en San Xoán. Jose Manuel Rey explicou os pasos dados polo Goberno Municipal para a execución destas obras de reubanización integral, que incluíron a comprobación da titularidade dos tres terreos afectados pola actuación. A Administración ferrolá investiu un total de 88.814 euros (21% do IVE incluído) para a reurbanización completa destas tres rúas.
Cumprido o prazo de execución
Estes traballos de mellora en San Xoán comprenden a reposición integral do firme nas rúas Río Xubia, Fontemoura e Herbosa por medio da extensión dun pavimento de formigón de vinte centímetros de grosor, así como a construción de beirarrúas. “Coa finalidade de que as rúas dispoñan dunha pavimentación adecuada ao tráfico da zona”, engadiu o primeiro edil da cidade. Neste senso, manifestou que “os veciños da zona dispoñen por fin das rúas que se merecen despois de anos de abandono”, ao tempo que salientou que “comprometémonos a realizar esta actuación moi demandada pola veciñanza e sen facer ruído e superando as dificultades as dificultades acontecidas, hoxe podemos dicir que cumprimos”. Jose Manuel Rey tamén resaltou que as obras se levaron a cabo cumprindo cos prazos previstos na adxudicación.
Os viarios Río Xubia, Illa Herbosa e Fontemoura estarán abertos definitivamente ao tráfico rodado a vindeira semana, unha vez que frague correctamente o novo firme de formigón armado dos mesmos.











