Rey Varela supervisa as obras de rehabilitación e acondicionamento exterior do Centro Torrente Ballester

Rey Varela na visita ás obras
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, supervisou esta mañá o avance das obras de urbanización exterior e reformas do Centro Cultural Torrente Ballester (CTB). Durante o percorrido polo inmoble, o primeiro edil da cidade estivo acompañado do concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes Garcia Hurtado. Esta actuación conta cun investimento total de 200.000 euros, dos cales 160.000 euros son asumidos pola Deputación Provincial da Coruña.
Segundo explicou o edil de Cultura o proxecto do CTB está integrado por tres fases “a capela, o patio e a parte posterior e contorno do edificio”. En canto aos traballos da capela, que xa están rematados, se acometeu a mellora do chan, paredes e o cambio do sistema de iluminación, entre outros. Actualmente, estase a realizar a segunda fase do proxecto que inclúe a recuperación da cuberta do patio central e a impermeabilización dos lucernarios e outras reparacións. Así mesmo, tamén se executará a rede de evacuación de augas pluviais da cuberta do edificio do centro, a limpeza dos muros e a súa reconstrución.
E por último, a terceira fase será a recuperación da parcela posterior para uso público que incluirá o peche do acceso á parcela con dous portalóns de forxa así como o peche perimetral da parcela con novo enreixado. Dentro desta mesma actuación, levarase a cabo a limpeza da parte posterior do centro, o seu revestimento con pintura plástica exterior e a mellora da accesibilidade. Ademais, para a mellora do pavimento se utilizará a pedra de Santiago con céspede na senda central, tamén se instalarán bancos de pedra e se procederá ao pintado da parede do edificio.











