Rey Varela asegura que o Concello de Ferrol non ten actualmente vinculación coas empresas investigadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, compareceu esta tarde ante os medios de comunicación ante as informacións aparecidas nos medios de comunicación en relación á súa posible imputación. “En primeiro lugar”, dixo o rexedor municipal, “quero amosarlles a miña sorpresa xa que non teño sido notificado oficialmente por ningunha instancia xudicial”; e explicou a súa presenza pública “polo meu deber cos ferroláns e ferrolás aos que me debo como alcalde desta cidade”.

No que atinxe ao suposto delito de cohecho –recepción de agasallos- que se lle imputa, o primeiro edil da cidade quixo deixar claro que “nunca recibín regalo algún das empresas investigadas nesta causa xudicial”, aclarando que o Concello de Ferrol non ten vinculación algunha coas empresas investigadas. Jose Manuel Rey amosou a súa disposición a manter “unha colaboración absoluta coa xustiza para esclarecer até o último detalle”, xa que “o primeiro interesado en esclarecer as circunstancias da miña posible imputación son eu”. “Descoñezo de que se me quere imputar e, polo tanto, non podo achegarlles máis datos até o momento”, indicou o alcalde aos medios de comunicación. Por último, Jose Manuel Rey reiterou a todos os ferroláns e ferrolás que “poden estar tranquilos. O seu alcalde nunca recibiu agasallo algún, nunca quebrantou as normas e nunca consentiu condutas impropias dun representante de Ferrol”.

23 de xuño de 2014 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.