Rey Varela anuncia o inicio da revisión do PXOM de Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou hoxe da aprobación dos pregos de licitación para a reforma e adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Este foi un dos temas principais abordados na Xunta de Goberno Local, celebrada esta mañá na Casa Consistorial, e que se recolle no proxecto de cidade “Ferrol 2020”. Jose Manuel Rey manifestou que “hoxe iniciamos o principal fito urbanístico do presente mandato”, co inicio dos trámites para a redacción do novo planeamento e que responde á necesidade de adaptar a nova normativa autonómica e estatal o PXOM vixente dende o ano 2000.
O rexedor municipal destacou a necesidade de cambio de planeamento “para converter o urbanismo nunha oportunidade e temos que actuar con contundencia para cambiar un ciclo de decrecemento e de sensación de dificultades do urbanismo en Ferrol”. Neste senso, o alcalde ferrolán lembrou os pasos significativos realizados no presente mandato para conseguir un crecemento sostible da cidade coa cartografía dixital, a axilización de licencias, o Plan Especial de Ferrol Vello e, agora, o inicio da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Instrumentos básicos para a modificar a tendencia do urbanismo en Ferrol e articular unha planificación urbanística acorde coa situación da cidade”, engadiu. Ao respecto do PXOM, Jose Manuel Rey sinalou que se inicia hoxe un proceso “en que haberá ocasión de revisar o planeamento e de repensar cuestións como as zonas industriais, para dotacións, naturais, residenciais e industriais da cidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez, que acompañou ao primeiro edil na comparecencia cos medios de comunicación, detallou o procedemento que se levará a cabo durante esta primeira fase, que permitirá a Administración municipal dispoñer dunha diagnose e dun anteproxecto de plan que recollerá os contidos xerais do mesmo. “Avogamos porque este proceso se leve a cabo de maneira rigorosa e seria; con transparencia e facilitando o consenso e a participación porque do que se trata é de facer cidade e todos temos que participar”, apuntou o titular das políticas de planificación e xestión urbanística de Ferrol.
Período 2014-2018
O orzamento plurianual de licitación do PXOM ascende a 1,138.000 euros para o período 2014-2018. No presente exercicio levarase a cabo a primeira fase, para o que se reserva unha cantidade económica de 113.000 euros. O Concello de Ferrol poderá contar con financiamento procedente doutras administracións públicas para sufragar os custes que ten a elaboración do novo planeamento.











