Retíranse das rúas de Lugo unhas 700 toneladas de lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

Os traballadores de Urbaser que na tarde do mércores saíron a recoller lixo nos puntos máis sensibles da cidade de Lugo, xa levan unhas 700 toneladas de desperdicios retirados das 900 que se apilaban na urbe lucense desde fai dez días en que se iniciou a folga indefinida, que segue.

O secretario do comité de empresa, Julio Pacio, de UXT, aclarou que o persoal, de 139 traballadores, “cumpre de forma responsable, de recoller en puntos susceptibles e cando se producise a alerta sanitaria actuar tamén aí”.

“Xa o ofrecemos por activa e por pasiva, rexistramos escritos no Concello e ante a empresa e parece ser que non valían pero tras o ultimato que deu o Concello (o requirimento de dúas horas e a ameaza de pedir a intervención da Unidade Militar de Emerxencias) agora xa somos os mellores profesionais do mundo”, sinalou o sindicalista.

Este xoves continuará a recollida con menos operarios. O mércores nas quendas de tarde e noite saíron 32 traballadores con oito camións e dúas cisternas, un dispositivo que avalou o comité de folga, a pesar de que a pretensión de Urbaser “era sacar dous camións con tres operarios”, sinalaron.

Para este xoves son “menos” os efectivos que se establecen porque “queda menos” lixo por recoller. “Se despois xorden outras cousas, outras alertas sanitarias xa resolveremos na medida do que é esa recollida. Aínda que é a Consellería de Sanidade a que decreta esa alerta en tantos puntos, e creo que iso non se asemella á realidade”, dixo Pacio.

“Creo que estamos a recoller en puntos que é só de acumulación de lixo e non de cheiros e desa alerta sanitaria”, criticou, no entanto, Julio Pacio. Son sobre 74 focos onde se actuou, aínda que este xoves a Consellería de Sanidade estendeuno en 16 puntos máis até sumar noventa.

READMITIDOS

Os dez operarios despedidos por incumprir os servizos mínimos foron readmitidos o mércores, segundo concretou Pacio, dado que saían todos eles na quenda de noite.

Pola súa banda, veciños da cidade de Lugo queixáronse da presenza de ratas. Así, unha muller que traballa no hospital relatou como cando ía coller o autobús no parque de Frigsa observou que saía de alí “unha rata enorme”.

19 de xuño de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.