Rematan os obradoiros de memoria activa en San Sadurniño
55 persoas das parroquias de San Sadurniño, Ferreira, Santa Mariña, Naraío e Bardaos participaron nos obradoiros de memoria activa organizados polo Concello que acaban de clausurarse. Trátase da 4ª edición dun programa no que este ano se implicou tamén a Rede CeMIT para converter as sesións nunha experiencia colaborativa coa que recuperar e publicar as lembranzas do municipio.
Moitas veces asóciase a perda de memoria a unha cuestión de idade. Porén, non sempre ten por que ser así. O cerebro é un órgano vivo que se pode adestrar igual que calquera outra parte do corpo e cando xa temos uns aniños é moi aconsellable exercitalo con sinxelos exercicios.
Ese foi o obxectivo principal dos obradoiros de memoria activa que impartiu desde o mes de marzo a técnica municipal de Igualdade, Verónica Rodríguez. Canda ela, as 55 persoas participantes -case todas mulleres de máis de 50 anos- traballaron sobre a cognición, pero tamén sobre aqueles hábitos saudables que axudan a ter a mente en forma.
O proxecto contou con finanzamento da Deputación da Coruña e nesta edición implicouse, ademais, a axente TIC da Rede CeMiT. Carmen Suárez fixo de dinamizadora dos grupos de cara a que reconstruísen cos seus recordos a memoria colectiva recente de San Sadurniño. Unha tarefa fundamentada na narración oral, o comentario de fotografías e mesmo con gravacións de son realizadas polas persoas asistentes aos obradoiros.
Todo o material reunido formará parte do traballo “A vida das mulleres de San Sadurniño”, ao que se lle dará difusión a través da plataforma Fálame de San Sadurniño.
Aínda que os obradoiros remataron ata o ano que vén, o proxecto terá certa continuidade no mes de setembro, cando se organice un obradoiro de fotografía no que as mulleres aprenderán a tomar imaxes con cámaras ou teléfonos móbiles. A idea é que reflictan a súa mirada sobre os lugares da memoria de cada parroquia para incorporalos a “A vida das mulleres en San Sadurniño”. Ademais, o departamento de Igualdade e a Rede CeMIT proxectan facer a finais de ano unha exposición con todas as fotografías.











