Recollida de libros para o Banco Municipal de Teo que o ano pasado entregou 227 exemplares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo abre o prazo de recollida de libros para o Banco municipal para o curso 2014/15. Esta iniciativa funciona en Teo por terceiro ano consecutivo e a concelleira de Educación, María Álvarez Garea, destaca “o incremento de doazóns que tivemos o ano pasado respecto do primeiro ano que agardamos que se volva a dar neste curso”.

Para o curso actual puideron prestarse un total de 227 libros que beneficiaron a 56 usuarios/as. Os cursos nos que máis libros se doaron foron 4º, 5º e 6º de primaria e os centros nos que se concentraron esas entregas foron Ramallosa e Calo xa que nos Tilos xestiona o banco a ANPA. O primeiro ano de funcionamento do Banco, o verán de 2012, recibíranse só 62 libros.

As persoas interesadas en entregar libros poden facelo entre o 23 de xuño e o 4 de xullo en horario de 09:30 ás 13:30 horas na Aula de informática, situada no CSC da Ramallosa. O 25 de xuño a entrega poderase facer só entre as 16:00 e as 20:00 horas. As doazóns deben ser de libros de texto usados nos colexios públicos do Concello que sexan válidos segundo as listas de libros do curso 2014/15. Deben estar en bo estado de conservación. Para estas entregas quedan excluídos libros que se utilicen como cadernos ou nos que se escriba, moi habitual nos volumes de Educación Infantil e nalgúns de primeiro ciclo de Primaria. Cando se fai a entrega hai que presentar unha ficha cos datos persoais e a lista dos libros. Esta ficha, que é igual para facer doazóns que para solicitar libros xa se pode descargar da web municipal www.concellodeteo.com

As persoas que soliciten o préstamos de libros deben facer a petición presentando a ficha e seralles notificado a partir do 8 de xullo a data e o horario de entrega dos libros. Poden doar e/ou solicitar familias con fillos/as escolarizados nos centros públicos do Concello. As persoas que reciban libros deben ademais comprometerse a devolvelos ó remate do curso en bo estado.

Para seleccionar ás familias demandantes terase en conta en primeiro lugar as familias que conten cun informe de Servizos Sociais que aconselle o préstamo. Despois atenderase por prioridade as unidades con máis puntos tendo en conta que as familias que doaran libros recibirán un punto por cada libro de texto entregado e as familias con máis dun fillo/a tamén terán un punto por cada fillo. A continuación atenderase o resto das unidades familiares.

Dende Educación destacan que iniciativas coma esta buscan varios obxectivos positivos e complementarios “dende apoiar economicamente ás familias reducindo os gastos asociados á escolarización ata sensibilizar á comunidade educativa no coidado e reutilización dos libros de texto ou xerar actitudes solidarias”.

16 de xuño de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.