Ramón Ferro, Óscar Graña e Iván Alonso reeditan os seus títulos de campións de Europa de maratón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Ramón Ferro e Óscar Graña

Ramón Ferro e Óscar Graña

Ramón Ferro, Óscar Graña e Iván Alonso, en compañía de Emilio Merchán, reeditaron os seus títulos de campións de Europa de maratón nas modalidades de C-2 e K-2 nas probas disputadas en Piestany (Eslovaquia). A última xornada do campionato volveu ser histórica. O día anterior, Iván Alonso foi subcampión en K-1 tras unha discutible sanción dos xuíces. Os tudenses tráense un botín de tres medallas, dúas de ouro e unha de prata. Manuel Garrido, do mesmo equipo, foi cuarto en C-1, por detrás do galego David Mosquera.

A regata de K-2 foi unha das máis emocionantes e igualadas de todo o campionato. Sete porteos e case trinta quilómetros dunha loita constante na que participaron Iván Alonso, Emilio Merchán, Walter Bouzán, Álvaro Fernández Fiuza, Andrew Daniels e Thimothy Pendle. Ningunha das tres tripulacións parecía disposta a ceder no seu camiño cara á medalla de ouro.

Iván Alonso e Emilio Merchán volveron realizar unha regata moi táctica. Controlaron aos seus adversarios, apertáronlles nalgúns momentos e despois dosificaron as súas forzas. Todos os padexeiros eran conscientes de que o tramo decisivo era a longa recta de chegada.

E nese instante foi cando emerxeu de novo a forza de Iván Alonso e Emilio Merchán. Polo centro da pista, cunha embacación rival a cada lado. Palearon ata o último metro. Un esforzo necesario para conseguir o triunfo. As diferenzas foron mínimas. Menos dun segundo ante Walter Louzán e Álvaro Fernández Fiuza. E pouco máis dun segundo fronte aos británicos Andrew Daniels e Timothy Pendle. Marxes que dan idea da tensión do momento e tamén da igualdade entre eles.

Foi un final apoteósico para unha proba esixente e que tivo unha duración superior ás dúas horas. Un desgaste titánico para Iván Alonso que participara o día anterior na modalidade de K-1, unha proba na que os xuíces lle arrebataron a medalla de ouro nunha decisión moi rigorosa. Para o tudense e Emilio Merchán supón a súa segunda vitoria consecutiva no Campionato de Europa tras a lograda en Vila Verde (Portugal) o ano pasado.

Ramón Ferro e Óscar Graña tamén lograron o seu obxectivo en C-2. Volveron estar no máis alto do podio, do mesmo xeito que en Vila Verde. A autoridade coa que se impuxeron en Eslovaquia queda demostrada nos tempos. Entraron na liña de chegada con 46 segundos de vantaxe sobre Oleksandr Levchenko e Andrii Shapoval, de Ucraína, e case tres minutos ante Dubiak Bartosz e Mateusz Zuchura, de Polonia.

Os galegos dominaron a competición, a pesar de que a parella ucraína foi a que lles creou maiores dificultades. Ata o terceiro porteo mantivéronse igualados, pero Ramón Ferro e Óscar Graña foron capaces de aumentar aos poucos a súa vantaxe ata sentirse cómodos e imporse cunha autoridade esmagadora.

Nesta modalidade tamén participou o galego Jacobo Domínguez, que compartiu a embarcación co balear Alán Ávila. Finalizaron no quinto posto da clasificación final.

A Copa de España de maratón, que se disputará en Pontevedra no mes de agosto, e o Campionato de Mundo en Oklahoma (Estados Unidos), serán as próximas citas para os padexeiros galegos.

15 de xuño de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.