Rafael Louzán califica a Juan Carlos I de figura histórica irrepetible
Rafael Louzán, calificou hoxe ó rei Juan Carlos I de “figura histórica irrepetible”, destacou que coa súa abdicación “deu outro exemplo máis de servizo ó país ó poñelo por riba dos seus propios intereses” e valorou que a súa decisión “supón abrir un novo tempo e unha nova etapa na historia de España”.
“Unha etapa de nova modernización, de novo empuxe da xeración máis xove e de novos horizontes, encarnada na figura do príncipe Felipe que, coa súa preparación e exemplaridade, estou seguro que posibilitará que sexa tan fructífera e próspera como os 40 anos do reinado de Juan Carlos I, pois o príncipe encarna a España xove, a renovada tradición e a continuidade dunha moderna concepción dun país desenvolvido, creativo e solidario”, afirmou.
Louzán afirmou que a historia calificará de “gran rei” a Juan Carlos I polo seu compromiso e defensa da democracia, por ser a mellor imaxe de España no mundo e porque, “nun país con tensións territoriais evidentes, sempre estivo por riba de localismos, de particularismos e de bandeiras políticas, para ser o símbolo da unidade de España e o punto de unión entre todos”.
Para o presidente da Deputación, os problemas de saúde e a propia idade do Rei foron, entre outros, algúns dos motivos polos que decidiu abdicar.
“Agora estamos nun novo tempo presidido polas novas tecnoloxías, pola sociedade da información, polo impulso modernizador dos máis novos e polos novos horizontes e retos do novo papel de España no mundo”, dixo, para concluír expresando “a miña confianza e a miña esperanza en que esta nova etapa sexa tan fructífera como a de Juan Carlos I, con quen todos temos unha débeda de profunda e respetuosa gratitude”.











